Lugo acollerá unha gala solidaria a favor de ASFEGA o 6 de setembro

LugoXa
Humoristas galegos actuarán no Auditorio Gustavo Freire para apoiar a persoas con enfermidades metabólicas hereditarias
Lugo-gala-solidaria-a-favor-de-ASFEGA
22 Aug 2025

A Asociación de Enfermidades Metabólicas Hereditarias de Galicia, ASFEGA, organiza unha gala solidaria en Lugo que terá lugar o vindeiro 6 de setembro no Auditorio Municipal Gustavo Freire a partir das 19:00 horas.

A gala contará con actuacións de humoristas como Carlos Blanco, Quico Cadaval, Lois Pérez, Laura La Montagne, Ángeles Goás, Tino Barros e Juan Meniño. As entradas poderán adquirirse a través do portal kadelica.com a un prezo de 15 euros, con desconto a 8 euros para familiares de persoas afectadas e gratuíta para as persoas con enfermidades metabólicas hereditarias, así como a 5 euros na fila 0.

A recadación destinarase a apoiar ás persoas con estas enfermidades, reducindo o custo de produtos básicos como fariñas ou cereais.

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, destacou que desde a Tenencia de Alcaldía “apoiamos as diversas propostas que nos fai chegar o tecido asociativo da cidade” e subliñou a colaboración nesta actividade para recadar fondos organizada por ASFEGA.

ASFEGA naceu en 1990 cando un grupo de pais de toda Galicia se uniu para loitar contra as dificultades vinculadas ás enfermidades metabólicas hereditarias dos seus fillos, ante a falta de apoio e coñecemento sobre tratamentos e alimentación necesaria.

⚙ Configurar cookies
0.31828999519348