Lugo acollerá unha gala solidaria de Auxilia para apoiar a persoas con diversidade

LugoXa
O evento terá lugar o 12 de setembro no Auditorio Gustavo Freire e contará con actuacións musicais de Adrián Vigo, Airiños de Orbazai e Milesios
Gala-solidaria-Auxilia-Lugo
2 Sep 2025

O tenente alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, presentou xunto a membros de Auxilia Lugo a gala solidaria que a asociación lucense organizará o próximo 12 de setembro ás 18:30 horas no Auditorio Municipal Gustavo Freire.

A iniciativa, que busca recadar fondos para apoiar a labor social de Auxilia Lugo, contará coas actuacións de Adrián Vigo, Airiños de Orbazai e Milesios. As entradas solidarias teñen un prezo de 10 euros, mentres que a fila 0 estará dispoñible por 8 euros. Ademais, durante o evento sortearanse diversos agasallos entre o público asistente.

Rubén Arroxo destacou “o traballo fundamental que realiza Auxilia Lugo en prol das persoas con diversidade, fomentando a integración e a igualdade de oportunidades”. O tenente alcalde subliñou que esta gala é unha oportunidade para que a sociedade lucense amose a súa solidariedade e apoio a unha entidade que leva décadas sendo referencia na cidade.

A Tenencia de Alcaldía tamén pon en valor a importancia de recoller as achegas e propostas de Auxilia Lugo en materia de mobilidade e accesibilidade, mantendo un contacto constante coa asociación para mellorar o día a día das persoas con mobilidade reducida. Arroxo lembrou visitas anteriores a instalacións municipais nas que, xunto con integrantes de Auxilia, se analizaron as necesidades de accesibilidade para garantir que os equipamentos municipais sexan plenamente inclusivos.

O tenente alcalde reafirmou o seu compromiso de continuar colaborando con Auxilia Lugo e con outras entidades sociais da cidade, promovendo iniciativas que favorezan a inclusión e a accesibilidade universal. “Iniciativas como esta gala contribúen non só a apoiar o labor das asociacións, senón tamén a consolidar un modelo de cidade máis xusta e igualitaria”, explicou Arroxo.

⚙ Configurar cookies
0.20512890815735