Lugo acollerá unha xincana cos participantes do proxecto 'Localízate' para impulsar o comercio local

LugoXa
Os equipos participantes percorrerán a pé distintos establecementos comerciais e prazas de abastos
compras-comercio-recurso
30 Mar 2026

A iniciativa Localízate! no teu comercio local, impulsada pola Xunta no marco do Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030, entra o próximo mes na súa fase de rúa coa celebración das xincanas urbanas.

Tras o desenvolvemento da primeira etapa, Localízate! na aula, na que 2.175 alumnos e alumnas de ESO e de FP Básica traballaron en equipo nos seus respectivos centros para analizar e propoñer ideas innovadoras para o comercio de proximidade, o programa dá agora paso á súa vertente máis práctica e dinámica, na que participarán en cada cidade aquelas aulas cos traballos mellor valorados polo xurado.

Así, entre abril e maio de 2026 terán lugar as actividades en formato xincana que levarán ao alumnado a percorrer diferentes zonas comerciais e prazas de abastos de Galicia. O calendario comezará o 14 de abril en Ferrol, continuará o 21 en Lugo e o 27 en Santiago de Compostela, e proseguirá xa en maio coas citas do día 5 en Pontevedra, o 12 en Ourense, o 19 na Coruña e o 26 en Vigo.

Durante estas xornadas, os equipos participantes percorrerán a pé distintos establecementos comerciais, interactuando cos profesionais do sector e resolvendo probas que lles permitirán coñecer de primeira man a realidade do comercio de proximidade, así como aspectos relacionados coa calidade do produto local, a atención personalizada ou a súa contribución á economía e ao emprego.

O obxectivo desta iniciativa é achegar a mocidade ao comercio local e poñer en valor o seu papel fundamental na contorna, ao tempo que se fomentan habilidades como o pensamento crítico, a creatividade, a iniciativa emprendedora e a autonomía.

Ademais, en cada cidade instalarase unha unidade móbil que funcionará como punto informativo e espazo de visibilización dos produtos locais, servindo tamén como punto de saída e chegada da actividade.

Con esta segunda edición de Localízate! no teu comercio local, a Xunta de Galicia reforza o seu compromiso coa dinamización do comercio de proximidade e coa implicación das novas xeracións no seu coñecemento e valorización, buscando ampliar o éxito da iniciativa piloto, que permitiu chegar en 2025 a máis de 600 rapaces e rapazas coa colaboración de arredor de 70 establecementos.

0.12445211410522