Lugo acollerá unha xornada sobre interculturalidade e políticas de retorno co Día da Persoa Migrante

LugoXa
A Xunta e AMMIGOBS organizan o encontro para profesionais, entidades e persoas migrantes, co obxectivo de informar sobre a Lei de Estranxeiría e os programas de retorno
Día-Internacional-da-Persoa-Migrante-Xunta-Lugo
12 Dec 2025

A Xunta de Galicia e a entidade especializada no estudo das migracións AMMIGOBS organizarán en Lugo unha xornada informativa centrada na interculturalidade, nas políticas de retorno e na Lei de Estranxeiría con motivo da celebración do Día Internacional da Persoa Migrante.

A actividade, que conta coa colaboración da Secretaría Xeral da Emigración, terá lugar o luns 15 de decembro ás 20:30 horas no auditorio da Fundación Abanca. O programa inclúe unha presentación do presidente de AMMIGOBS sobre os procesos de aculturación e os dereitos humanos, seguida dun relatorio sobre políticas de retorno e Lei de Estranxeiría. Ao remate celebrarase unha quenda de preguntas e un coloquio.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, xunto co director de AMMIGOBS, Daniel Vázquez, presentou hoxe o encontro, que vai dirixido principalmente a profesionais do ámbito social, entidades e servizos que traballan neste eido, así como aos colectivos de persoas migrantes asentados na cidade. Arias subliñou que o obxectivo é “ofrecer información útil e actualizada sobre os programas de retorno e a normativa vixente, ao tempo que se crea un espazo de diálogo e intercambio entre profesionais, entidades e persoas migrantes que viven en Lugo”.

O delegado destacou a aposta da Administración autonómica polo retorno, coa ampliación dos recursos destinados a apoiar aos galegos do exterior na súa volta á comunidade. Neste sentido, resaltou o labor das Oficinas Integrais de Asesoramento e Seguimento ao Retorno, onde se ofrece acompañamento nos ámbitos laboral, social e xurídico. Desde a apertura da oficina de Lugo en 2019, situada no edificio administrativo da Xunta, atendéronse máis de 3.400 consultas, entre presenciais, telefónicas e telemáticas.

Para presentar a xornada, Arias desprazouse ao estudio de música Lugo, na rúa Nóreas, “porque simboliza moi ben o espírito deste día”. O seu propietario, Robert Frías, de nacionalidade dominicana e residente na cidade desde hai catorce anos, “é un exemplo de integración e da contribución cultural e social das persoas migrantes á vida da cidade”, explicou Arias, quen lembrou que o negocio de Frías contou co apoio da Xunta a través da orde de axudas á promoción do emprego autónomo.

“Con este tipo de iniciativas reafirmamos o compromiso cunha sociedade aberta, acolledora e diversa, que recoñece o esforzo e a achega do colectivo migrante”, concluíu o delegado.

⚙ Configurar cookies
0.079977035522461