Lugo acolleu a celebración do Día Internacional das Persoas con Discapacidade

LugoXa
O acto foi convocado pola Asociación Raiolas e polo centro de San Vicente de Paúl, pero concentrou fronte á Casa do Concello a representantes e integrantes dunha vintena de asociacións
Día-Internacional-da-Discapacidade-Lugo
3 Dec 2024

Lugo acolleu a celebración do Día Internacional das Persoas con Discapacidade, que consistiu na lectura dun manifesto, que, co lema 'Baixo o mesmo paraugas', reclamou os mesmos dereitos para estas persoas e para garantir unha vida plena e digna.

O acto foi convocado pola Asociación Raiolas e polo centro de San Vicente de Paúl, pero concentrou fronte á Casa do Concello a representantes e integrantes dunha vintena de asociacións e colectivos que traballan a prol da inclusión e do Benestar Social.

A lectura do manifesto correu a cargo de dous usuarios das asociacións, que pediron ás administracións e á sociedade unión e compromiso para que as persoas con discapacidade teñan os mesmos dereitos que calquera outro cidadán.

A concentración rematou coa canción de Macaco 'Somos una marea de gente' e a apertura de decenas de paraugas de cores, para simbolizar tamén a diversidade.

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, puxo en valor o labor das entidades sociais que traballan neste ámbito e afirmou que a Xunta seguirá colaborando con elas para impulsar novas melloras e crear máis servizos neste eido.

Entre os proxectos máis importantes destacou a futura residencia para persoas con trastornos do espectro autista en Friol na que a Xunta investirá 4 millóns de euros.

Tamén salientou avances dos últimos anos como a extensión da rede de atención temperá a nenos e nenas, que na actualidade está presente en 57 concellos lucenses; a consolidación dun sistema educativo inclusivo ou as medidas para fomentar o acceso das persoas con discapacidade ao mundo laboral.

0.17614483833313