Lugo acolleu a fase final da Olimpíada Matemática Galega
O Círculo das Artes de Lugo acolleu na mañá de onte a fase final da Olimpíada Matemática Galega, organizada pola Asociación Galega de Profesorado de Educación Matemática (Agapema) co colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
Vintecinco rapaces e rapazas, estudantes de 2º da Eso de centros de toda Galiza, tiveron que enfrontarse á resolución de cinco problemas. Entre eles, cinco estudantes do IES Leiras Pulpeiro , Colegio San José, IES A Pinguela e IES Sanxillao, os centros da provincia representados nesta final galega.
O responsábel de Deportes, Memoria Histórica e Artesanía e Deseño deulles a benvida a Lugo e os parabéns “pola motivación e o interese por aprender que demostran coa participación nesta iniciativa promovida polo profesorado de matemáticas”.
Todos os participantes foron agasallados con cadanseu exemplar de Breve xeografía de Galicia e O Camiño Francés, dos fondos bibliográficos do Servizo de Publicacións.
Ademais, mentras realizaron as probas, as persoas que os acompañaron, familiares e docentes, foron convidadas a realizaren visitas guiadas ao Museo Provincial de Lugo e ao Centro de Artesanía e Deseño.
Final estatal o 26 de xuño
As probas teñen como obxectivo a selección de tres finalistas para a final estatal da Olimpíada Matemática que se celebrará o 26 de xuño cun formato en liña.