Lugo acolleu a I Gala de novos talentos deportivos

LugoXa
As becas municipais Deportistas con Talento entregáronse a 45 mozos e mozas, protagonistas da I Gala municipal novos talentos deportivos.
deportistas lucenses gala
24 Jun 2021

As becas municipais Deportistas con Talento entregáronse a 45 mozos e mozas. Mocidade que foi a protagonista da I Gala municipal novos talentos deportivos que organizou o Concello de Lugo para homenaxealos. 

A I Gala novos talentos deportivos, que se celebrou na tarde de onte, nos xardíns do Miño, diante do Pazo de Feiras, homenaxeou a 45 mozos e mozas, de 14 a 19 anos de idade, que acadaron as becas para deportistas de disciplinas individuais con talento.

O Concello entrega os premios desde o 2008 a aqueles que participaron en eventos deportivos con resultados relevantes, a nivel autonómico ou nacional, co fin de apoiar a promoción, práctica e mellora do seu rendemento, e que valoran tamén o seu esforzo académico.

Desde a súa creación, foron receptores das mesmas preto de 600 deportistas. 

Durante este acto, guiado por Jacobo Gómez, outorgóuselles un diploma de recoñecemento, entrega na que tamén participaron as deportistas lucenses Adiaratou Iglesias, atleta internacional e actual campioa europea de 100 metros; Iria Rodríguez e Natalia Hidalgo, triatletas internacionais e campioas de España de relevos mixtos e subcampioas de clubes, e Valeria Romero, piragüista e 14 veces campioa de España Absoluta. 

Os beneficiarios deste ano practican oito disciplinas deportivas individuais: atletismo, natación, tiro, orientación, tríatlon, péntatlon, karate e piragüismo. Entre eles, dúas persoas con capacidades diferentes, Maximiliano Óscar Rodríguez, que representou a España nos Xogos Paralímpicos do  Verán 2008 e os Xogos Paralímpicos do Verán de 2012, e Mauro Rodríguez, que bateu o récord de España de 200 bolboreta. 

No ecuador, Diana, Adriana, Alba e Xonxa, alumnas da escola de danza Star Dance, realizaron unha exhibición de baile contemporáneo, denominada Alento. Á Gala acudiron máis de 130 persoas xa que os e as deportistas estiveron arroupados polas súas familias e por compañeiros. 

0.17027997970581