Lugo acolleu a presentación do libro 'Hildegart na prensa socialista'

A obra Hildegart na prensa socialista. Os seus artigos. A súa Voz, publicada pola Fundación Luís Tilve, foi presentada nun acto celebrado no Vello Cárcere de Lugo.
Este libro recolle a faceta de Hildegart Rodríguez Carballeira como articulista e a súa visión pioneira sobre temas clave do feminismo, aínda descoñecida en moitos aspectos. Hildegart foi unha activista feminista adiantada ó seu tempo que defendeu conceptos innovadores como a educación sexual, o control de natalidade e o divorcio.
O deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández, felicitou á Fundación Luís Tilve por dar visibilidade a esta figura fundamental do feminismo vangardista. Destacou o compromiso da fundación coa memoria histórica e a relevancia da activista.
Ademais, lembrou que a Deputación de Lugo apoia a labor da Fundación a través dun convenio, cunha financiamento de 25.000 euros para o proxecto de investigación A reorganización do movemento obreiro na provincia de Lugo e a súa repercusión en Galicia (1945-1990).
Durante o evento tamén estiveron presentes a alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos Fondo, e o secretario xeral de UGT-Lugo-Lemos-Costa Lucense, Ángel Tomé Roca. Ambos acompañaron ao director da Fundación Luís Tilve, Guillerme Pérez Agulla, ao autor e recompilador da obra, Francisco Xavier Redondo Abal, historiador e bibliotecario da Universidade de Santiago.
A alcaldesa Alvarellos destacou a importancia do libro, sinalando que “hai libros que son tan imprescindibles como as ideas que recollen. Este é o caso de Hildegart na Prensa Socialista, que recompila uns 80 artigos desta escritora e xornalista, imprescindible na historia do noso país, do socialismo e, por riba de todo, no activismo feminista".
Ademais, Alvarellos engadiu: “Parabéns aos autores do libro e á Fundación Cultural Luís Tilve por promover unha obra que é historia do feminismo e do movemento obreiro español. Agardo que os artigos de Hildegart que recolle este volume sirvan de inspiración e estímulo para seguir avanzando cara a novas metas, cara a unha igualdade real e unha sociedade máis capaz, efectiva e democrática”.