Lugo acolleu a reunión do Consello da Xunta, onde Rueda puxo en valor os investimentos na cidade

LugoXa
O alcalde de Lugo cualifica de “decepción absoluta” os anuncios do Goberno galego
Consello-da-Xunta-en-Lugo
12 May 2025

Lugo acolleu a reunión do Consello da Xunta, que tivo lugar no Pazo de Montenegro, nun encontro no que o Goberno galego anunciou diversos investimentos na cidade e na súa provincia. Segundo informou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, os fondos mobilizados superan os 100 millóns de euros e abranguen actuacións nos eidos da sanidade, a educación, a vivenda, o saneamento, a mobilidade, o comercio e o deporte.

No ámbito sanitario, a Xunta destacou a posta en marcha do novo Centro Integral de Saúde (CIS) de Lugo, o primeiro destas características en toda Galicia, como parte da renovación das infraestruturas de atención primaria. En materia educativa, salientouse a nova arquitectura pedagóxica implantada en centros da provincia e un investimento de máis de 14 millóns de euros, dos cales 3 millóns se destinaron á rehabilitación integral do IES Lucus Augusti. No sector da vivenda, informouse de que están en marcha 519 inmobles de promoción pública, mentres que en saneamento avanzan diversas obras na provincia, quedando pendente un acordo co Concello para mellorar o sistema no rural, cunha achega do 70 % por parte da Xunta.

O Consello tamén puxo o foco na mobilidade urbana, con 13 millóns de euros destinados á estación intermodal de Lugo, e na dinamización do tecido comercial, a través de apoios ás pemes. Finalmente, no eido deportivo, anunciouse a reforma do estadio Anxo Carro, instalación emblemática da cidade.

REACCIÓN DO GOBERNO LOCAL DE LUGO

Con todo, o alcalde de Lugo, Miguel Fernández, amosou o seu total desacordo coa valoración do Goberno galego e cualificou de “decepción absoluta” os anuncios realizados no Consello. Segundo o rexedor, practicamente non hai novidades reais nas medidas presentadas, e lamentou a falta de compromisos firmes con proxectos estratéxicos para o municipio. Fernández recordou que tras os 9 millóns comprometidos pola Xunta no Consello celebrado en Ferrol, esperaba investimentos da mesma envergadura para Lugo, algo que non se materializou.

O alcalde criticou que, pese ao anuncio dun posible acordo para construír un aparcadoiro disuasorio na Ronda das Fontiñas, este tipo de actuacións son insuficientes para as necesidades reais da cidade e dos barrios. Tamén denunciou a falta de apoio autonómico para avanzar en actuacións fundamentais como o remate do corredor Nadela-Sarria, a intervención na Calzada das Gándaras para cumprir os obxectivos do Plan Paradai, ou a posta en valor do Museo da Romanización e do barrio da Tinería. Fernández lamentou que tampouco se produciran avances noutras demandas históricas, como a creación dun canil no Parque dos Paxariños ou novas prazas de estacionamento na Avenida Vilaverde.

Ademais, o alcalde sinalou que continúa sen executarse a maior parte dos compromisos adquiridos pola Xunta no anterior Consello celebrado en Lugo en 2022, cando se anunciaron actuacións por valor de 4,7 millóns de euros en sendas peonís, ciclovías e aparcamentos disuasorios, dos cales se iniciou o da Avenida de Breogán, que segue sen estar operativo. Tamén reprochou a ausencia dunha nova convocatoria para actuacións nos barrios da Milagrosa e Feijoo, que concentran máis do 90 % do parque residencial desa zona.

Miguel Fernández concluíu a súa valoración asegurando que a Xunta repite cada ano o mesmo patrón nos orzamentos, sen que Lugo vexa avances significativos. Considerou especialmente grave a falta de accións para desbloquear cuestións fundamentais como o desdobramento da vía Sarria-Nadela ou a conexión do polígono de As Gándaras coa A-6. Por iso, reiterou a súa petición de manter unha reunión de traballo co presidente Alfonso Rueda para abordar de forma directa e persoal todos estes asuntos que, segundo dixo, seguen sen resposta.

Pola súa parte, Rubén Arroxo afirmou que, tras a celebración do Consello da Xunta en Lugo, "a decepción foi maior do agardado".

Ademais, criticou que non fixesen ningún anuncio ao respecto do fin da rehabilitación do barrio da Tinería, "cando toda a veciñanza pode ver as lonas da Xunta colocadas hai máis de 16 anos xa descoloridas".

Arroxo afirmou, en referencia á segunda vez que o Consello da Xunta se reúne na cidade de Lugo, que "una acto destas características require traer proxectos de verdade", e lembrou que a Xunta non avanzou en ningunha das cuestións pendentes coa cidade, como o cuartel de San Fernando.

Sobre o comedor do colexio Fingoi 2, Arroxo reafirmou o compromiso do Concello de Lugo para que este centro conte con comedor de cara ao vindeiro curso.

O tenente alcalde lembrou que a Xunta ten pendente enviar a documentación ao Concello para estudar a viabilidade do proxecto proposto, "dado que ata o de agora só temos unha carta comunicando a intención de buscar unha solución", e criticou que a Xunta asuma que o Concello vai cubrir novamente unha competencia propia da administración galega, "aumentando o esforzo económico que invirte o concello cada ano en competencias que non lle son propias", explicou Rubén Arroxo.

⚙ Configurar cookies
0.17291498184204