Lugo acolleu este sábado unha xornada da Liga Galega de Xadrez con máis de 120 xogadores

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, acompañada polo Vicepresidente da Deputación e responsábel de deportes Efrén Castro, foron os encargados do "saque de honra" da xornada da Liga Galega de Xadrez que reuniu a máis de 120 xogadores nas instalacións do soto da Praza de Abastos. Ferreiro destacou a colaboración da Tenencia de Alcaldía coa Escola Luguesa de Xadrez "para converter hoxe a Lugo na capital galega do xadrez".
"Contamos cunha programación para espallar a práctica do xadrez entre a veciñanza, con actividades abertas ao público no verán e tamén durante o curso nos centros de ensino", destacou a concelleira de Cultura, quen salientou que "a práctica do xadrez supón un magnífico instrumento para adquirir axilidade mental e habilidades sociais como a concentración, a toma de decisións ou a creatividade".
Ferreiro destacou "o grande interese que está a achegar o xadrez na poboación", e engadiu "ao longo do ano, as rúas de Lugo e instalacións como a Praza de Abastos acollen diversas actividades para promocionar a práctica do xadrez, convidamos ás veciñas e veciños a participar deste deporte".