Lugo acolleu unha charla sobre diabetes tipo 1 na infancia organizada por ANEDIA

A Asociación de Nenas, Nenos, Xente Nova e Adulta con Diabetes de Galicia (ANEDIA) inaugurou en Lugo o seu programa de actividades polo Día Mundial da Diabetes 2025 coa charla Vivir con Diabetes, celebrada no Centro Cívico Uxío Novoneyra. O encontro contou coa participación da pediatra endocrina Verónica Padín, quen afondou na realidade de convivir coa diabetes tipo 1 durante a infancia, destacando o impacto que esta enfermidade ten no día a día das crianzas e das súas familias, tanto no ámbito sanitario como emocional.
Durante a súa intervención, Padín subliñou que “vivir con diabetes é un camiño continuo, duro e esixente, no que non se pode baixar a garda, pero tampouco perder a esperanza”. A doutora fixo fincapé na necesidade de acompañar ás familias, promover a educación en diabetes e consolidar redes de apoio estables tanto nos centros hospitalarios como nas escolas, fundamentais para garantir unha boa calidade de vida das persoas afectadas.
O acto contou tamén coa presenza da concelleira de Benestar Social do Concello de Lugo, Olga López-Racamonde, quen expresou o respaldo institucional ás familias que conviven coa enfermidade e á importante labor que ANEDIA desenvolve en toda Galicia para visibilizar a diabetes tipo 1 e defender os dereitos das persoas que a padecen.
Desde ANEDIA valorouse moi positivamente a participación da concelleira e a oportunidade de tratar as dificultades actuais na atención pediátrica en Lugo, especialmente no ámbito da endocrinoloxía infantil. A asociación trasladou a necesidade de reforzar os recursos e mellorar a coordinación asistencial para garantir unha atención adecuada ás crianzas con diabetes tipo 1.
Esta charla marcou o inicio da campaña autonómica de ANEDIA con motivo do Día Mundial da Diabetes, que ao longo do mes de novembro desenvolverá en toda Galicia diversas actividades divulgativas, educativas, deportivas e de investigación para sensibilizar a sociedade sobre esta enfermidade crónica.