Lugo acolleu unha reunión para avanzar na nova estratexia de protección das persoas consumidoras

LugoXa
A Xunta continúa o proceso participativo coas organizacións do sector mentres activa novas axudas por valor de 165.000 euros para 2026
Reunion-Facua-Lugo
13 Feb 2026

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, acompañado pola xerente do Instituto Galego de Consumo e da Competencia, Sol Vázquez, mantivo en Lugo un encontro co presidente de Facua Galicia, Víctor Muñoz, co obxectivo de abordar a nova Estratexia de protección das persoas consumidoras e usuarias. A reunión enmárcase no proceso de participación e escoita activa que a Xunta está a desenvolver coas principais organizacións do ámbito do consumo para definir esta nova folla de ruta, aliñada cos avances que se están producindo tanto a nivel europeo como estatal.

Esta xuntanza súmase ás xa celebradas con representantes da Federación Galega de Asociacións de Amas de Casa, Consumidores e Usuarios Brétema, da Unión de Consumidores de Galicia e da Federación Galega Euroconsumo. Todas estas reunións forman parte da colaboración permanente que o Goberno galego mantén co tecido asociativo co fin de reforzar a defensa e atención das persoas consumidoras na comunidade.

No marco deste labor, o Instituto Galego de Consumo e da Competencia, organismo adscrito á Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, dispón de oficinas de atención presencial nas sete principais cidades galegas. Ademais, ofrece servizo telefónico gratuíto a través do número 900 23 11 23, operativo de 9,00 a 14,00 horas e de 17,00 a 19,00 horas de luns a venres, para facilitar información e asesoramento en materia de consumo.

No eido dos apoios ao asociacionismo, o Diario Oficial de Galicia publicou esta semana a convocatoria correspondente a 2026 de subvencións destinadas ás organizacións de persoas consumidoras, tanto asociacións como federacións, para o desenvolvemento de actuacións de información, mediación, asesoramento e asistencia á cidadanía. A Xunta reserva para este fin unha partida de 165.000 euros, destinada a sufragar gastos de persoal, alugueiro e funcionamento, entre outros conceptos. O prazo para presentar solicitudes abrirase o 20 de febreiro e permanecerá activo ata o 19 de marzo.

⚙ Configurar cookies
0.080160140991211