Lugo acolleu unha xornada sobre memoria democrática no marco do programa 'España en Liberdade. 50 anos'

A subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, inaugurou a xornada 'Diálogos da Transición Democrática. Educando nunha historia con memoria', un foro celebrado no Vello Cárcere e integrado no programa estatal “España en Liberdade. 50 anos”, impulsado polo Goberno de España en colaboración co Comisionado para os 50 anos de democracia e a Fundación Luís Tilve. A representante estatal destacou que Lugo se suma así ao ciclo de reflexións impulsado noutras cidades galegas e do conxunto do país arredor da memoria democrática.
Durante a súa intervención, López lembrou que ao longo de 2025 se cumpren cincuenta anos dun proceso de transformación profunda que permitiu construír un sistema de liberdades e dereitos hoxe considerados esenciais, mais que foron froito do esforzo, da mobilización social, do consenso político e do compromiso de milleiros de persoas anónimas. Subliñou que a democracia non xurdiu de maneira inmediata, senón que foi o resultado dunha longa traxectoria colectiva para deixar atrás “esa longa noite de pedra que tan ben retratou Celso Emilio Ferreiro”.
A subdelegada advertiu ademais da necesidade de preservar un relato histórico veraz nun contexto no que, segundo sinalou, determinadas voces tenden a minimizar os crimes da ditadura ou recuperar visións idealizadas do franquismo. Fronte a esas narrativas, afirmou, só cabe “a palabra e a verdade”, reivindicando a utilidade de encontros como este para fortalecer o pensamento crítico e afianzar os valores democráticos.
A educación ocupou un lugar central no seu discurso. López insistiu en que non se pode permitir que as novas xeracións descoñezan o sucedido en 1936 nin o sufrimento das persoas represaliadas, das mulleres sometidas a humillación ou das familias marcadas pola ditadura. Nesa liña, puxo en valor o programa “España en Liberdade. 50 anos”, que conta cun comité científico de referencia e que, asegurou, garante unha transmisión rigorosa da historia recente.
Para concluír, recuperou as palabras de Carmina Gustrán, comisionada para a conmemoración, quen lembra que celebrar medio século de liberdade implica tamén reivindicar a diversidade que define ao país. España, dixo, é un Estado plural en territorios, linguas, tradicións e expresións culturais, polo que o programa conmemorativo se desenvolve de forma descentralizada co obxectivo de que cada comunidade aporte a súa visión a esta celebración compartida dos valores democráticos.
A Mesa para o Diálogo estivo moderada polo secretario da Fundación Luís Tilve, Roxelio Pérez Poza, docente e investigador cunha ampla traxectoria no eido educativo e da memoria democrática. Participaron como relatoras e relatores Tamara López Fernández, doutora en Estudos Culturais pola USC e investigadora posdoutoral especializada no franquismo en Lugo e na represión de mulleres e menores; Xosé Lois Gómez García, profesor e xefe do Departamento de Xeografía e Historia no IES Pedra da Auga de Ponteareas, activista en defensa da memoria democrática e presidente da Asociación de Memoria Histórica do centro; e Xaime Barreiro Gil, doutor en Economía pola USC, profesor universitario, exsenador e analista da Galicia contemporánea cunha ampla traxectoria en organismos europeos e internacionais.
A xornada concluíu cun diálogo aberto entre público e relatorado, no que se puxo de manifesto a importancia de seguir creando espazos de reflexión colectiva que conecten o pasado co presente e permitan analizar con perspectiva o futuro da democracia.