Lugo contará a última fin de semana de mes coa gran feira das distribuidoras
A Xunta renova a súa colaboración coa asociación lucense de distribuidoras de hostalería e alimentación (Adislugo) para organizar a terceira festa L de Lugo, que se celebra os días 24 e 25 de setembro no Pazo de Feiras.
O delegado territorial da Administración autonómica, Javier Arias, reuniuse hoxe co presidente de Adislugo, Eloi García, para falar dos detalles desta edición, “que un ano máis exhibirá o mellor da gastronomía galega e brindará oportunidades de negocio ao sector”, subliñou Arias.
O recinto feiral volverá contar con variedade de marcas, denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas. Tras o éxito acado nos anos anteriores, o formato será similar co obxectivo de potenciar os produtos autóctonos.
Entre as actividades previstas destacan as experiencias de maridaxe e espectáculos de showcooking en directo nas que participarán 17 cociñeiros; unha sala de catas; o túnel do viño da Ribeira Sacra onde se poderán saborear os caldos desta denominación de orixe; espectáculos de música ao vivo e preparación de cóctels. Tamén haberá un espazo reservado para o público infantil.