Lugo activa un plan especial de tráfico entre o 18 de setembro e o 16 de outubro polo San Froilán

O Concello de Lugo vén de presentar o Plan de Tráfico que regulará a mobilidade durante as festas do San Froilán, cun operativo deseñado para garantir a seguridade e facilitar os desprazamentos.
O dispositivo, presentado polo concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, afectará principalmente á zona do Parque Rosalía de Castro e as inmediacións do recinto feiral, e estará vixente desde o xoves 18 de setembro ata o xoves 16 de outubro.
As medidas serán similares ás doutros anos e incluirán restricións na Avenida Rodríguez Mourelo, Praza de Avilés, Rúa Puro Cora, Avenida Doutor García Portela, Explanada do Palacio Municipal dos Deportes e outras vías próximas, que permanecerán pechadas ou con acceso limitado segundo as distintas fases do dispositivo.
Penas explicou que haberá modificacións permanentes, como a montaxe do recinto feiral, que obrigará a prohibir o estacionamento desde o 18 de setembro en Rodríguez Mourelo, Puro Cora e García Portela ata o 16 de outubro, cando remate a desmontaxe das casetas e se restableza a circulación habitual. Ademais, haberá cortes temporais que dependerán da afluencia de público, especialmente en rúas como Vilalba e Ramón Ferreiro, con restricións máis severas nas fins de semana e posibilidade de adaptacións segundo criterio da Policía Local.
Entre as medidas destacan a prohibición de estacionamento e circulación en varias rúas do recinto, con acceso reservado a residentes, servizos autorizados e emerxencias; a habilitación de dobre sentido en vías como Doutor García Portela, Cidade de Viveiro ou Puro Cora para mellorar os accesos; así como maiores restricións en días de gran afluencia, cando se prevén cortes adicionais en Ronda da Muralla e Avenida Alcalde Anxo López Pérez, con desvíos pola Rúa Cidade de Vigo. O plan tamén contempla zonas provisionais de aparcamento e prazas específicas para persoas con mobilidade reducida ou para carga e descarga.
O servizo de taxis reforzarase na Praza da Constitución, con acceso ao recinto feiral sempre que o permita a seguridade peonil, mentres que os autobuses modificarán os seus percorridos e horarios. Penas adiantou que nas vindeiras semanas se anunciarán os servizos especiais de transporte público e agradeceu á veciñanza “a colaboración co Concello para conseguir que ano tras ano o San Froilán sexa un éxito”.