Activan un plan especial de tráfico en Lugo pola retirada dun abeto na rúa Santiago

LugoXa
Os traballos desenvolveranse o venres 6 de marzo entre as 09:30 e as 14:00 horas, co corte do tránsito rodado no tramo afectado
abeto-de-grandes-dimensións-na-rúa-Santiago-Lugo
5 Mar 2026

O Concello de Lugo activará este venres, 6 de marzo, un plan especial de tráfico con motivo da retirada dun abeto de grandes dimensións situado na rúa Santiago, á altura do número 166, nas inmediacións do miradoiro da Volta da Viña. Os traballos desenvolveranse entre as 09:30 e as 14:00 horas, período durante o que será necesario cortar o tránsito rodado no tramo afectado para permitir a intervención con camión e autogrúa.

A actuación responde a motivos de seguridade, xa que o exemplar presenta unha inclinación significativa sobre a N-6, polo que a súa retirada resulta necesaria para evitar riscos tanto para a circulación como para as persoas usuarias da vía.

Durante o desenvolvemento dos traballos, o acceso á rúa Santiago quedará restrinxido desde distintos puntos da contorna, concretamente desde a Ronda do Carme, a Ronda República Argentina e a propia N-6, co obxectivo de facilitar a execución da actuación e garantir a seguridade na zona.

O plan de tráfico contempla a instalación de sinalización específica nas vías afectadas, con advertencias de obras, limitacións de velocidade e indicacións de circulación obrigatoria para ordenar o tránsito nos accesos á zona. Ademais, permitirase o acceso a residentes no tramo non afectado polos traballos.

Así mesmo, garantirase en todo momento o tránsito peonil e o acceso ás vivendas e locais situados na contorna, habilitando os itinerarios necesarios para que as persoas poidan circular con seguridade.

Desde o Concello recoméndase ás persoas condutoras que eviten circular pola zona durante o horario previsto para os traballos e que sigan en todo momento as indicacións da sinalización provisional e da Policía Local.

0.11921691894531