Lugo adianta ao venres o espectáculo de drons por mor do mal tempo previsto para o sábado

LugoXa
Tamén terá lugar na tarde de mañá o encontro de asociacións romanas e galaicas con motivo do 25º aniversario da declaración da Muralla como Patrimonio da Humanidad
Muralla-de-Lugo-Patrimonio
27 Nov 2025

A área de Alcaldía do Concello de Lugo decidiu adiantar ao venres, 28 de novembro, dous dos actos máis esperados e vistosos da programación co motivo do 25º aniversario da declaración da Muralla como Patrimonio da Humanidade, debido ás previsións de mal tempo para o sábado, data inicialmente fixada.

O espectáculo dos 150 drons sincronizados, que estaba previsto para a noite do sábado, celebrarase finalmente mañá venres, 28 de novembro, ás 19.30 horas e poderá contemplarse desde o miradoiro do Parque Rosalía. A función incluirá unha peza musical creada especificamente para a ocasión polo instrumentista Abraham Cupeiro, que marcará o ritmo das figuras debuxadas no ceo polos dispositivos aéreos.

Unha hora despois, ás 20.30 horas, terá lugar tamén o acto protagonizado polas asociacións de recreación histórica romanas e galaicas, que se adianta igualmente pola situación meteorolóxica. As agrupacións realizarán un acendido de lume e unha ofrenda á Muralla na contorna da Mosqueira, nunha das citas máis simbólicas desta celebración.

Antes do acto, os colectivos reuniranse ás 20.00 horas na praza de Santa María, desde onde partirán cara á porta da Estación e á porta de San Pedro, para finalmente converxer fronte á Mosqueira ás 20.30 horas e desenvolver o ritual previsto.

⚙ Configurar cookies
0.074169158935547