Lugo adxudica o novo servizo de recollida de lixo por dez anos

LugoXa
Lugo adjudicará por casi 118.000 euros el servicio de recogida de basura el contrato tendrá una duración de 10 años.
Plataforma de acceso a illa de reciclaxe
9 Mar 2022

A Xunta de Goberno Local do Concello de Lugo aprobará hoxe a adxudicación do novo servizo de recollida de residuos urbanos, da limpeza viaria e da xestión do Punto Limpo no municipio que renovará na súa totalidade ao actual, licitado en 1996, e que situará a Lugo na vangarda e como un referente en limpeza, pero tamén en parámetros sociais e de sustentabilidade.

A adxudicación do novo contrato prodúcese logo de que o Tribunal Administrativo de Contratación Pública (TACGAL) resolvera os recursos presentados polas empresas Cespa Compañía Española de Servicios Públicos Auxiliares e Ascan Servicios Urbanos contra a exclusión das súas ofertas, levantando asemade a suspensión dun proceso que comezou en xullo de 2020, e ao que concorreron, en total oito, empresas.

Durante este tempo tiveron que resolverse varios recursos que presentaron aquelas empresas que ían resultando excluídas. Finalmente, o Tribunal resolveu as últimas reclamacións e deulle a razón aos informes do Concello de Lugo nun proceso que está sendo totalmente garantista.

A mesa de contratación, por unanimidade dos seus membros, acordou, logo de valorar as empresas que chegaron coa mellor puntuación ao final do procedemento, propoñer á UTE integrada por Copasa, Geseco e Setec Building como a adxudicataria por presentar a oferta máis vantaxosa para os intereses municipais. Así, a oferta presentada pola adxudicataria suporá un investimento total de 117.945.250 euros.

O novo contrato terá unha duración de dez anos improrrogable. Na súa elaboración tivéronse en conta, entre outros criterios, o crecemento do municipio e as súas novas esixencias, pero tamén o seu crecemento na vindeira década, así como as características dos distintos barrios e parroquias, os hábitos de consumo da veciñanza e o modelo de cidade sostible.

Deste xeito, o servizo incluirá a execución de todas as operacións precisas para a consecución da mellor limpeza posible dos espazos públicos, beirarrúas, calzadas e zonas peonís, incluídas as manchas no pavimento, as follas ou froitos do arboredo, os residuos voluminosos, así como os excrementos de animais e as herbas que proliferan nos bordos, beirarrúas e escaleiras, ademais das pintadas. Tamén como tarefa ordinaria contemplará o aseo e baleirado de papeleiras e incrementarase non só a frecuencia coa que se realizan os labores, senón tamén o número de dispositivos especiais que se desenvolverán acordes a existencia de áreas de alta densidade residencial, contornas industriais, ou zonas como o mercado, praza de abastos, mercadiños ou espazos de ocio, axustándose ás necesidades específicas de cada un deles.

A adxudicataria deberá, ademais, renovar a totalidade dos colectores actuais - case 3.700 en todo o termo municipal - e aumentalos ata un mínimo de 4.200, incorporar a recollida selectiva orgánica, de aceites, téxtil e a compostaxe individual e comunitaria e incrementar o persoal, a maquinaria e os vehículos, que deberán ser de gas natural, eléctricos ou híbridos. Igualmente, outros dos requisitos que figuran nas bases é a creación dunha planta de gas para a subministración de todo o parque móbil municipal.

Outras das imposicións determinadas no expediente incentivan o emprego de produtos reutilizables, reciclables ou valorizables, a redución de emisións contaminantes e sonoras, a aplicación de tecnoloxías eficientes que minimicen os consumos de enerxía, etc... co fin de provocar o menor impacto medioambiental posible e evitar molestias á veciñanza.

Así mesmo, a adxudicataria comprométese a abonar ao Concello anualmente o un por cento do valor anual do contrato, que irá destinado ao control de calidade que se contratará pola entidade municipal e que permitirá vixiar de xeito permanente a calidade do funcionamento das condicións do contrato deste servizo.

Unha vez formalizada a firma do contrato comezará a funcionar a todos os efectos, aínda que a concesionaria contará cun prazo máximo de 8 meses para a adquisición da nova maquinaria.

0.16493916511536