Lugo afianza o seu lugar en Fitur 2025 promocionando o turismo sostible

LugoXa
Ferreiro destacou que "o obxectivo deste ano é continuar amosándolle ao resto do mundo a cidade de Lugo e os seus valores paisaxísticos, gastronómicos e culturais"
lugo-presentacion-fitur
9 Jan 2025

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua de Lugo, Maite Ferreiro participará na Feira Internacional de Turismo (Fitur) que se celebra este ano 2025, entre o 22 e o 26 de xaneiro.

No evento, Ferreiro dedicará un espazo á promoción de Lugo como destino turístico, destacando o seu compromiso co turismo sostible e a calidade da experiencia turística coa mirada posta na desestacionalización. Segundo as súas palabras, "Lugo é un destino que garante a convivencia das e dos visitantes coas persoas que residen na cidade".

Ferreiro destacou que "o obxectivo deste ano é continuar amosándolle ao resto do mundo a cidade de Lugo e os seus valores paisaxísticos, gastronómicos e culturais". Este enfoque forma parte dunha estratexia que non só busca atraer novos visitantes, senón tamén enriquecer a experiencia dos que xa coñecen a cidade.

A participación de Lugo en Fitur 2025 terá un énfase especial no Camiño Primitivo, coincidindo co décimo aniversario do seu recoñecemento como Patrimonio da Humanidade. Neste contexto, Ferreiro mencionou iniciativas en marcha para mellorar a imaxe do Camiño ao seu paso pola cidade, incluíndo unha intervención importante no Carril das Flores para realzar a chegada á Muralla.

Ademais, destacou que "Lugo está a consolidarse como un destino relevante en turismo non só polo seu rico patrimonio, senón tamén pola súa proximidade co resto de Galiza, un dos principais eixos de promoción da cidade". Este enfoque busca atraer visitantes que desexen explorar a diversidade cultural e natural que ofrece Galicia.

A concelleira rematou a súa intervención invitando "a todo o mundo cos brazos abertos e un sorriso" a descubrir o Lugo vivo, unha cidade "chea de vida, moderna, afable, cómoda e acolledora".

0.16963386535645