Lugo albergará o primeiro cemiterio público de mascotas de Galicia

LugoXa
Traballarase nunha superficie duns 800 metros cadrados anexa ao Cemiterio municipal
cemiterio_municipal_mascotas_lugo
31 Xul 2024

O Goberno de Lugo aprobará o inicio do procedemento para construír un cemiterio destinado a mascotas e animais de compañía na contorna do actual cemiterio municipal, nunha parcela anexa duns 800 metros cadrados de extensión. A concelleira de Participación e Servizos á Veciñanza, Cristina López, declarou que "levamos meses traballando neste servizo, o que nos permitirá atender a unha proposta que a veciñanza leva tempo reclamando". Trátase do primeiro cemiterio público de mascotas que se instalará en Galicia.

O novo espazo será pechado perimetralmente, e a zona interior será axardinada e contará con bancos e elementos que permitan crear un espazo íntimo para a lembranza dos animais falecidos. O novo cemiterio terá espazos para gardar as furnas dos animais incinerados, xunto cunha zona para gardar a chapa ou a cadea do animal. O Goberno de Lugo investirá 151.154,18 euros nesta actuación, que se realizará priorizando o uso de materiais naturais e usará deseños respectuosos coa contorna, e contará cunha capacidade inicial de 320 mascotas en columbarios individuais para furnas, xunto cun espazo onde depositar cinzas.

O novo cemiterio de mascotas contará con zonas de sombra ao plantar 19 árbores en toda a contorna, e contará con bancos, mentres que os espazos de paseo da contorna estarán decorados con pegadas de animais feitas en formigón. Cristina López destacou o traballo realizado nos últimos anos para mellorar o Cemiterio Municipal. "Neste tempo realizamos a primeira ampliación do cemiterio desde o 2006 e melloramos espazos tanto na zona antiga como na nova", explicou Cristina López, que engadiu "seguimos a planificar traballo para mellorar o Cemiterio Municipal, atendendo tamén ás solicitudes que nos fai chegar a veciñanza".

 

0.18618297576904