Lugo amplía a súa oferta cultural con espectáculos de teatro, danza e actividades familiares

A Xunta reforza a programación cultural de Lugo este mes de outubro cunha serie de citas escénicas destacadas no auditorio Gustavo Freire. O delegado territorial, Javier Arias, presentou os espectáculos que se enmarcan na Rede Galega de Teatros e Auditorios para o segundo semestre do ano e que buscan diversificar e ampliar a oferta cultural da cidade.
A carteleira comeza esta semana cunha dobre proposta. Mañá xoves, ás 20.30 horas, o público poderá asistir á estrea de Ca-co-flex!, da compañía lucense ALOMAIS Teatro, e o domingo 19, ás 18.30 horas, o escenario acollerá Os senteito, o novo espectáculo familiar de Caramuxo Teatro.
A danza tamén terá protagonismo a finais de mes co espectáculo Dique, de Nova Galega de Danza, programado para o 31 de outubro.
O delegado valorou “o compromiso da Xunta coa promoción das artes escénicas galegas e coa creación de espazos de encontro entre o público e as compañías do país” e animou aos lucenses a desfrutar destas propostas culturais.
A Rede Galega de Teatros e Auditorios renovou recentemente a súa programación na provincia, con 45 funcións de teatro, música e danza previstas ata finais de 2025. Este circuíto, cofinanciado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e 43 entidades locais asociadas, contribúe a enriquecer a oferta cultural dos concellos.
Outras citas na Biblioteca Provincial
A programación cultural da Xunta en Lugo para outubro complétase con actividades na Biblioteca Pública autonómica. Destaca o concerto da Schola Gregoriana Lucensis, o primeiro coro de canto gregoriano que houbo en Galicia, que terá lugar o venres 24 de outubro ás 20.00 horas.
Tamén se organizarán actividades para os máis novos. O venres 17 comezan cunha sesión de minicontos a cargo de Raquel Galavis e co obradoiro Segredos da natureza, guiado polo arquitecto paisaxista Sven Dieter, onde os participantes explorarán as especies vexetais do contorno, as súas propiedades e usos nun percorrido polos arredores da cidade.
Os nenos de 8 a 13 anos poderán asistir tamén ao taller educativo Estudar é + doado se sabes como, dirixido por Judit Gayoso, que se impartirá en tres sesións os días 17, 24 e 31 de outubro, e ao obradoiro creativo de Halloween, que se celebrará o día 31.
Para participar en calquera destes obradoiros é necesario inscribirse previamente na Biblioteca ou chamando ao 982 82 83 29.