Lugo aplicará cortes de tráfico en San Fiz o 22 de marzo pola carreira Corre con Nós

O edil responsable da área de Infraestruturas Urbanas do Concello de Lugo, Alexandre Penas, informou do dispositivo de tráfico que se aplicará o domingo 22 de marzo con motivo da celebración da terceira proba do circuíto Corre con Nós 2026. A competición, aberta á participación de persoas de todas as idades e dirixida ao conxunto da veciñanza, obrigará a realizar diferentes cortes de circulación para garantir a seguridade tanto dos corredores como da organización.
A xornada deportiva comezará ás 12:00 horas, aínda que a ocupación e o peche de varias vías iniciarase xa ás 9:00 horas para permitir a preparación do percorrido. A carreira desenvolverase na contorna de San Fiz, atravesando as rúas Rof Codina, Virxe da Esperanza, Montirón, Camiño de San Fiz e novamente Virxe da Esperanza.
Con motivo do desenvolvemento da proba, levaranse a cabo cortes de tráfico puntuais e restricións de estacionamento nas rúas incluídas no itinerario. Estas limitacións estarán debidamente sinalizadas con antelación para informar á cidadanía. Ademais, todo o circuíto permanecerá valado durante a carreira e a veciñanza contará con carteis informativos que advertirán das modificacións na circulación.
Durante toda a xornada, efectivos da Policía Local, membros de Protección Civil e persoal da organización colaborarán de maneira coordinada para asegurar o correcto funcionamento do evento e preservar a seguridade dos participantes.
Alexandre Penas agradeceu a colaboración da veciñanza e o traballo dos servizos municipais implicados nesta iniciativa, destacando “a boa disposición que sempre mostra a cidadanía cando se celebran probas deportivas para garantir a seguridade e o bo desenvolvemento da carreira”.