Lugo aplicará cortes de tráfico o 22 de febreiro pola 2ª proba do Corre con Nós 2026

LugoXa
Infraestruturas Urbanas anuncia restricións desde as 7:00 horas na contorna do CC As Termas para garantir a seguridade da carreira
Corre-con-Nós-2024
15 Feb 2026

O edil responsable da área de Infraestruturas Urbanas do Concello de Lugo, Alexandre Penas, informou do dispositivo especial de tráfico que se porá en marcha o vindeiro domingo 22 con motivo da celebración da segunda proba do circuíto Corre con Nós 2026. A cita deportiva, aberta á participación da veciñanza e que reúne corredores de todas as idades, obrigará a establecer distintos cortes e limitacións para garantir a seguridade tanto das persoas participantes como da organización.

A xornada desenvolverase o domingo 22 de febreiro de 2026, cun inicio das probas previsto para as 16:00 horas, aínda que a ocupación e o peche das vías afectadas comezarán xa ás 7:00 horas. O percorrido situarase na contorna do CC As Termas, incluíndo a rúa da residencia Albertia e as rúas 8 de marzo e Leira Mollada.

Segundo explicou o concelleiro, será necesario efectuar cortes puntuais de tráfico e restricións de estacionamento nas rúas incluídas no trazado, medidas que estarán debidamente sinalizadas con antelación. O circuíto permanecerá completamente valado e a veciñanza recibirá información previa mediante carteis explicativos sobre as modificacións previstas na circulación.

Durante toda a xornada, efectivos da Policía Local, membros de Protección Civil e persoal da organización coordinaranse para asegurar o correcto desenvolvemento da proba e minimizar as incidencias.

Alexandre Penas quixo trasladar o seu agradecemento á cidadanía de Lugo e aos distintos servizos municipais implicados, destacando a súa colaboración e disposición sempre que se organizan eventos deportivos na cidade para garantir tanto a seguridade como o bo funcionamento da actividade.

⚙ Configurar cookies
0.090508937835693