Lugo aposta pola mobilidade con novas rotondas e obradoiros para dinamizar a vida veciñal

LugoXa
O Concello aproba a construción dunha nova rotonda en Fingoi e talleres artesanais, mentres prepara o II Biovoleibol e reforza o mercado de Frigsa
rotonda-Fingoi
18 Jun 2025

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar a licitación das obras para construír unha nova rotonda na intersección entre Afonso X O Sabio e a Ronda de Fingoi cun orzamento de 216.125,70 euros e un prazo de execución de tres meses.

O tenente alcalde, Rubén Arroxo, explicou que esta é unha das varias rotondas previstas para os vindeiros meses co obxectivo de mellorar a fluidez do tráfico e facilitar a mobilidade en puntos actualmente regulados por semáforos.

Desde a área de Infraestruturas Urbanas estase a estudar a implantación doutras oito rotondas tanto na zona norte como na sur da cidade co fin de eliminar semáforos e mellorar o tránsito nos principais puntos de circulación de Lugo.

Ademais, a Xunta aprobou tamén tres licitacións de obradoiros artesanais dependentes da área de Participación, cunha clara aposta pola dinamización e polo fomento das tradicións. Trátase dun obradoiro de cerámica de 42 horas cun prezo de 3.780 euros, outro de repostería de 98 horas cun orzamento de 4.410 euros, e un terceiro de encaixe de bolillos tamén de 42 horas cun custo de 3.780 euros.

Outro dos asuntos aprobados foi a delegación da concelleira de Participación e Servizos para a Veciñanza, Cristina López, para a xestión dun convenio coa área de Deportes da Deputación de Lugo que permitirá celebrar a segunda edición do Biovoleibol. Esta actividade combinará a práctica do voleibol con faladoiros sobre nutrición saudable e hábitos deportivos.

Por último, tamén se deu luz verde á alta e adxudicación de cinco novos vendedores nos postos vacantes do mercado municipal de Frigsa, co obxectivo de reforzar a actividade comercial e mellorar o servizo á veciñanza.

⚙ Configurar cookies
0.17226696014404