Lugo aposta polo rural con 36 millóns de euros en axudas para mozos e explotacións agrogandeiras

LugoXa
O PP lucense destaca o compromiso da Xunta coa remuda xeracional e o desenvolvemento do campo galego
PP-en-San-Xoan-de-Campo-Lugo
26 Jun 2025

Os deputados lucenses do Grupo Popular destacaron o esforzo económico da Xunta para apoiar a incorporación de mozos ao agro e a mellora das explotacións agrogandeiras, cun investimento total de 36 millóns de euros.

Así o subliñaron durante unha visita á Sociedade Cooperativa Lamaboa, na parroquia de San Xoán do Campo, onde lembraron que o prazo de solicitude destas axudas estará aberto ata finais de xullo.

Enrique Barreiro, portavoz popular de Gandería, cualificou estes apoios como “esenciais para manter vivo o rural galego” e garantir a continuidade xeracional no sector, á vez que contribúen “a manter o nivel de crecemento e profesionalización das nosas explotacións agrarias”.

A deputada e voceira de Xuventude do Grupo Popular, Nicole Grueira, salientou que estas subvencións, que un ano máis convoca a Consellería do Medio Rural, representan “un gran apoio para moitos mozos e mozas que dan ese paso adiante e un gran incentivo para aqueles que necesitan un empurrón”. Ao seu xuízo, “apoiar ao gandeiro é apoiar a quen nos dá de comer, a quen coida do territorio e mantén vivo o sector e a nosa identidade”. E engadiu: “Non hai futuro sen campo. Con esta liña de axudas, Galicia volve demostrar que aposta polo sector gandeiro”.

As axudas, que se canalizan a través da Consellería do Medio Rural, contan cun orzamento total de 36 millóns de euros. Cada explotación poderá recibir ata un máximo de 320.000 euros no caso de que se soliciten as dúas liñas de apoio: tanto para incorporación de novos activos ao sector como para plans de mellora nas granxas xa existentes.

O Grupo Popular fixo fincapé en que se trata dunha nova mostra do apoio do Goberno galego ao rural, con medidas concretas e dotacións económicas reais que buscan consolidar a base produtiva de Galicia desde o territorio.

⚙ Configurar cookies
0.20406103134155