Lugo aposta por actividades interxeracionais no novo programa de animación sociocultural

LugoXa
O Concello oferta preto de 2.000 prazas en máis de 30 propostas para todas as idades, desde outubro a maio nos centros de convivencia
animacion-sociocultural-Lugo
5 Sep 2025

O Concello de Lugo presentou a programación de animación sociocultural 2025-2026, un programa que contará con preto de 2.000 prazas e máis de 30 actividades pensadas para persoas maiores, adultos, mocidade, nenos e nenas, así como para o colectivo de migrantes.

O alcalde, Miguel Fernández, e a concelleira de Cohesión Social, Olga López Racamonde, destacaron que este ano se pon especial énfase nas actividades interxeracionais para fomentar un ocio activo e enriquecedor entre distintas xeracións.

Entre as propostas figuran actividades de estimulación cognitiva, físicas, de artesanía, novas tecnoloxías, culturais, de benestar e saúde, e outras novas iniciativas artísticas.

A programación inclúe tamén talleres de pintura, teatro de barrio, hortas e flores no balcón, traballos manuais, faladoiros, saídas culturais e actividades de apoio escolar. Ademais, haberá cursos destinados ao colectivo migrante e outros obradoiros innovadores como xardíns infinitos, kokedamas, elaboración de xabón, sábados de intercambio de contos e paseos dinámicos e culturais.

As actividades desenvolveranse nos nove centros de convivencia da cidade: Fingoi, Lamas de Prado, Leiras Pulpeiro, María Balteira, Paco Martín, Maruja Mallo, Milagrosa, Sagrado Corazón e Uxío Novoneyra.

As inscricións poderanse realizar do 15 ao 19 de setembro, e toda a información sobre actividades, centros e matrícula está dispoñible na web do Concello ou nos propios centros de convivencia.

⚙ Configurar cookies
0.11134600639343