Lugo aproba a planificación das casetas do polbo e dos aseos para o San Froilán 2025 e 2026

LugoXa
O Concello mantén o número de casetas e caldeiros e fixa os prezos máximos do polbo, pan, cachelos e viño para garantir unha oferta accesible e homoxénea
Xunta-de-Goberno-local-Lugo
2 Jul 2025

A Xunta de Goberno Local vén de comunicar novas novidades sobre as Festas de San Froilán. Entre os asuntos aprobados figuran a instalación das tradicionais casetas e caldeiros do polbo e a contratación das cabinas sanitarias portátiles, co obxectivo de garantir a correcta prestación de servizos durante a celebración.

O executivo municipal deu luz verde ás bases reguladoras para autorizar a instalación de tres casetas e tres caldeiros durante os San Froiláns de 2025 e 2026, cunha posible prórroga para os anos 2027 e 2028. Segundo explicou Arroxo, mantense o número habitual dos últimos seis anos para preservar un espazo libre no recinto feiral que poida acoller outra posible barraca.

Os prezos de saída para as casetas, establecidos conforme á ordenanza vixente, serán de 9.922,74 euros para a primeira, 8.930,46 para a segunda e 8.268,95 para a terceira. No caso dos caldeiros, o primeiro partirá de 6.240,72 euros; o segundo de 5.616,65; e o terceiro de 5.200,60.

Na mesma liña, a Comisión de Festas fixou os prezos máximos de venda ao público para os produtos gastronómicos máis demandados co fin de garantir unha oferta accesible e uniforme. A ración de polbo (250 gramos) manterase nos 15 euros, o pan (200 gramos) a 1,50 euros, a de cachelos (200 gramos) tamén a 1,50 euros, e a botella de viño de mesa (¾ de litro) a 6 euros.

Outro dos puntos aprobados foi a contratación do servizo de subministración de cabinas sanitarias portátiles para os San Froiláns de 2025 e 2026. A Xunta de Goberno aprobou os pregos técnicos e o gasto correspondente, cun custe anual de 25.821,42 euros. Este servizo contempla a instalación de 13 cabinas na zona de concertos durante nove días, e 26 cabinas no recinto feiral durante dezaseis días.

Rubén Arroxo destacou a importancia deste dispositivo para garantir unhas condicións hixiénicas axeitadas nunhas festas que cada ano atraen milleiros de persoas, tanto da cidade como doutros puntos do Estado.

⚙ Configurar cookies
0.19559001922607