Lugo aproba as bases das subvencións de promoción da igualdade de xénero
A xunta de Goberno Local de Lugo aprobou as bases para a concesión de axudas municipais destinadas á promoción e fomento do deporte feminino, cun orzamento de 32.100 euros. Segundo informou a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, estas axudas “están dirixidas a clubs e/ou entidades deportivas locais que desenvolven a súa actividade no eido da promoción de igualdade de xénero, no fomento do deporte feminino, na integración da muller ou na promoción orientación, asesoramento e a formación sobre dereitos humanos en materia de LGTBI+ no exercicio 2021”.
Méndez sinalou que “con estas axudas queremos contribuír ao fomento e a promoción do deporte feminino, que realizan os clubs e entidades deportivas de Lugo, en sintonía co labor municipal”. As bases teñen por obxecto a concesión de subvencións por parte do Concello de Lugo ás asociacións e a entidades xurídico-privadas sen ánimo de lucro para o desenvolvemento, durante o exercicio económico de 2021, de programas e actividades culturais que beneficien a colectivos no eido da promoción da igualdade de xénero nas que se levan a cabo os ditos programas e actividades.
A rexedora explicou que se poderán acoller a esta convocatoria de subvencións todas as asociacións ou entidades sen ánimo de lucro que estén legalmente constituídas e domiciliadas no concello de Lugo, inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións, Rexistro público de fundación ou calquera outro rexistro público, que teñan ao corrente as súas obrigas tributarias estatais, autonómicas, locais e da Seguridade Social, e teñan xustificados debidamente os gastos correspondentes a subvencións concedidas con anterioridade polo Concello de Lugo.
O prazo para presentar as solicitudes será de 15 días hábiles, contando dende o seguinte ao da publicación oficial da convocatoria no BOP. Así mesmo publicaranse na páxina web do Concello de Lugo e no Taboleiro de anuncios.