Lugo aproba axudas de 100 euros para libros de texto e prorroga contratos de servizos municipais

A Xunta de Goberno Local do Concello de Lugo aprobou as bases para a concesión de axudas destinadas á adquisición de libros de texto e material escolar. A iniciativa contará cun orzamento total de 40.000 euros, que permitirá conceder 400 axudas de 100 euros cada unha. Segundo explicou o tenente alcalde, Rubén Arroxo, está previsto que as bases se publiquen no Boletín Oficial da Provincia (BOP) durante a primeira semana de xuño, abrindo así o prazo de solicitudes.
“Estas axudas están dirixidas ao alumnado que curse educación infantil no vindeiro curso escolar, e os vales repartiranse no mes de setembro, coincidindo co inicio do curso”, sinalou Arroxo. Para poder acceder a elas, será necesario estar empadroado en Lugo, presentar a reserva de praza ou solicitude de admisión nun centro sostido con fondos públicos e contar cunha renda familiar que non supere o 0,85 do IPREM.
Os cheques poderán empregarse para a compra de material educativo, incluíndo libros de texto, fichas, estoxos, mochilas, botellas de auga e material de papelería. Ademais, tamén se contempla a adquisición de material educativo de xogo para nenos e nenas con determinadas dificultades, sempre que exista solicitude do centro escolar ou informe xustificativo do mesmo.
Por outra banda, a Xunta de Goberno aprobou a prórroga do contrato do servizo de transporte público urbano por un período dun ano, a contar desde o 22 de xuño de 2026. Esta prórroga, explicou Arroxo, “terá carácter forzoso mentres se avanza na elaboración do novo prego de prescricións técnicas e na posterior licitación dun novo contrato de xestión do servizo”.
Finalmente, tamén se deu luz verde á primeira prórroga das catro posibles do contrato de subministración de flores para o Cemiterio Municipal. Este contrato inclúe o abastecemento floral para distintas celebracións ao longo do ano, como o 8 de marzo, o 19 de marzo, o Día da Nai, o Día das Letras Galegas e a festividade do 1 de novembro, así como para a ofrenda institucional da corporación e o Concerto da Lembranza. O servizo está adxudicado á empresa Tu Jardín García Díaz S.L. por un importe de 8.103,15 euros.
Plan de Mobilidade
A preguntas dos medios, o Tenente de Alcalde explicou que a modificación do Plan de Mobilidade responde a axustes puntuais vinculados á implantación da zona de baixas emisións, unha cuestión que, lembrou, xa foi anunciada en múltiples ocasións. Arroxo quixo deixar claro que non está prevista a creación de ningún carril bici segregado, malia a insistencia da oposición neste punto. “Nós temos unha postura clara e coherente: apostamos sempre por unha mobilidade compartida”, subliñou.