Lugo aproba os orzamentos municipais co voto de calidade do alcalde tras un empate no pleno

O Concello de Lugo deu luz verde aos seus orzamentos municipais tras un pleno marcado pola igualdade de forzas e a tensión política. As contas foron aprobadas con 12 votos a favor, incluído o da concelleira non adscrita María Reigosa, e o voto de calidade do alcalde, Miguel Fernández, que resultou decisivo ante a ausencia de Olga Racamonde. En fronte, os 12 concelleiros do Partido Popular votaron en contra.
Antes da votación, o rexedor fixo un chamamento á “responsabilidade” dos grupos para facilitar a posta en marcha de proxectos que cualificou de fundamentais para o desenvolvemento da cidade. Porén, o debate estivo fortemente condicionado polas críticas da oposición, especialmente arredor do Plan de Mobilidade.
Desde o PP advertiron de que os orzamentos inclúen xa partidas para actuacións concretas vinculadas a este plan, como intervencións na Avenida da Coruña, a creación dun carril bici en Tino Grandío ou actuacións no Camiño Real, sen que se resolveran previamente as alegacións presentadas. Os populares consideran que esta decisión supón adiantar medidas sen ter pechado o proceso administrativo e alertan dun posible impacto negativo en distintas zonas da cidade.
Ademais, defenderon a emenda rexistrada para evitar que o Plan de Mobilidade (PMUS) teña prevalencia sobre o Plan Xeral nas cuestións máis relevantes, que foi aprobada por unanimidade. "Tanto PSOE como BNG recoñeceron que era necesario modificar o artigo 150.2 do Plan Xeral para corrixir esta cuestión. Cómpre lembrar que o PP presentou un recurso contencioso-administrativo fronte ao intento do bipartito de aprobar o Plan de Mobilidade sen debate en pleno nin as garantías xurídicas necesarias, o que obrigou ao Goberno local a abrir un prazo de alegacións tras a súa admisión a trámite polo TSXG", destacaron desde o PP.
O FUTURO DA ESTACIÓN DE AUTOBUSES
O debate sobre o futuro do espazo que deixará libre a actual estación de autobuses chegou tamén ao pleno municipal, aínda que sen acadar un acordo político entre os distintos grupos. A cuestión puxo de manifesto as diferenzas de criterio sobre o destino do inmoble e da contorna, así como sobre o papel que debe asumir a Xunta de Galicia no desenvolvemento do proxecto.
Co apoio de 13 edís do PP e María Reigosa, acordouse estudar a proposta de Lugo Monumental para manter o edificio, habilitar un intercambiador que conecte co transporte urbano e crear unha zona verde nas dársenas.
O Partido Popular reclamou garantías para conservar o edificio actual, en liña co que demandan colectivos como Lugo Monumental e outros sectores sociais. Mentres, o BNG aposta polo derrubamento do inmoble, unha postura que contrasta coa do PSOE, que se amosa partidario de “analizar o seu estado” antes de tomar unha decisión definitiva.
O portavoz do BNG, Rubén Arroxo, reclamou á Xunta que active canto antes a iniciativa. Segundo explicou, o proceso administrativo —que inclúe a redacción do proxecto, a consignación orzamentaria, a licitación e a adxudicación— obriga a comezar de inmediato para evitar que o edificio quede anos sen uso.
Arroxo puxo en dúbida a vontade política da Xunta e advertiu do risco de que o inmoble acabe abandonado, establecendo comparacións con outros espazos da cidade que, segundo denunciou, permanecen en desuso desde hai tempo. Como alternativa, o BNG propón transformar a zona nun espazo multifuncional que combine unha parada para liñas de transporte interurbano coa creación dunha nova praza verde integrada no casco histórico. A proposta inclúe tamén a habilitación dun gran aparcadoiro e a eliminación da necesidade do actual almacén de autobuses.
A portavoz popular, Elena Candia, cuestionou que sexa a Xunta a que teña que asumir o custo do redeseño da zona, aínda que se mostrou aberta a que ambas administracións aborden conxuntamente este aspecto.
A PONTE DE SAAMASAS LEVARÁ O NOME DE TOMÁS NOTARIO
O pleno municipal deu luz verde por unanimidade á moción presentada polo Partido Popular para solicitar ao Ministerio que a ponte das Saamasas leve o nome de Tomás Notario, nun recoñecemento á súa figura e á súa contribución á cidade de Lugo.
Durante o debate, incorporouse ademais unha proposta da concelleira María Reigosa para completar esta iniciativa cun acto de homenaxe á maior brevidade posible. A idea contempla a instalación dun monólito que lembre o seu labor como enxeñeiro e tamén a súa etapa como alcalde, na que contribuíu á transformación da cidade.
Segundo explican desde o PP, ata o momento o goberno local limitárase a cumprir un trámite administrativo ao trasladar ao Ministerio a petición formulada polo Colexio de Enxeñeiros. Porén, consideran necesario contar cun respaldo unánime da Corporación para realizar unha solicitude firme que recoñeza a quen fixo posible esta infraestrutura.
Os populares subliñan que se trata dun recoñecemento “xusto” a un alcalde da historia recente de Lugo, vinculando o seu nome a unha infraestrutura considerada estratéxica para o desenvolvemento urbano.
OUTROS ASUNTOS
Con 13 votos a favor, o PP de Lugo logrou aprobar a realización dun Plan Integral de mellora para os polígonos industriais de O Ceao e As Gándaras. Un dos exemplos máis claros do abandono que sofren atópase na rúa dos Carros, no CEAO, onde hai un burato no medio da vía desde o ano 2023. Outros problemas de mantemento inclúen sumidoiros tupoidos, beirarrúas en mal estado, falta de limpeza, mobiliario urbano deteriorado e autobuses que non se adaptan aos horarios dos traballadores.
Ademais, pese á oposición de PSOE e BNG, aprobouse a proposta do PP para incrementar as frecuencias ferroviarias. Cambiar o horario dun tren preséntase como un gran logro, mentres outras capitais de provincia avanzan en conectividade. Lugo segue a ser a excepción: só conta con tres conexións diarias de ida e volta con Madrid, fronte a 11 en Ourense. A cidade non pode seguir sendo a excepción: esíxense conexións reais e horarios competitivos.