Lugo aproba os seus Orzamentos de 2025 cos que se levarán a cabo grandes proxectos

O tenente alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, subliñou á entrada do pleno municipal a relevancia da aprobación definitiva do orzamento municipal para o ano 2025.
Arroxo explicou que esta aprobación permitirá seguir avanzando nos proxectos previstos para o desenvolvemento da cidade. "Esta aprobación permitirános seguir mellorando Lugo e continuar co impulso das melloras previstas para os próximos meses", afirmou.
Entre os proxectos destacados, Arroxo mencionou a transformación do Carril das Flores, que busca revitalizar unha das zonas máis emblemáticas da cidade. O proxecto tamén inclúe a mellora da entrada do Camiño Primitivo no casco histórico, onde se peonalizará parte da rúa para convertela nun espazo máis acolledor para residentes e turistas. Unha das intervencións máis importantes neste proxecto será a supresión do túnel existente, o que mellorará significativamente o entorno patrimonial da cidade, xunto coa mellora das infraestruturas da zona.
Ademais, os orzamentos do 2025 tamén contemplan importantes partidas para a repavimentación das rúas de Lugo, co obxectivo de mellorar a calidade das infraestruturas viarias e a circulación na cidade. Un dos proxectos máis destacados será a construción dunha rotonda no cruce entre a Ronda Fingoi e Alfonso X, o que mellorará significativamente a circulación nesta zona, que actualmente presenta problemas de tráfico.
O tenente alcalde tamén subliñou que os orzamentos inclúen importantes partidas para as festas do San Froilán e a actividade cultural, co fin de garantir a continuidade dunha das festividades máis relevantes de Lugo, ademais de apoiar a programación cultural, que incluirá eventos no Auditorio Fuxan os Ventos.
Por último, Rubén Arroxo anunciou que nas vindeiras semanas comezarán as obras que estaban previstas en orzamentos anteriores, como a peonalización da rúa da Milagrosa, e que a peonalización do carril dos Loureiros xa está moi avanzada, prevéndose que se remate en pouco máis dun mes.
A aprobación deste orzamento, destacou Arroxo, marca un paso máis no avance de Lugo cara a un modelo de cidade máis moderna, accesible e dinámica para todos os seus habitantes.
CRÍTICAS DO PP
O Grupo Popular, que decidiu non presentar proposicións, preguntas nin rogos para facilitar a reorganización do goberno, criticou que o Goberno local "perdera unha oportunidade para demostrar talante e diálogo, ao rexeitar as alegacións presentadas polos representantes dos traballadores municipais e a veciñanza".
A voceira popular, Elena Candia, lamentou que o goberno rexeitase demandas como a implantación efectiva da carreira profesional, o reforzo das brigadas municipais de augas e vías e obras, a ampliación da xornada do persoal de servizos sociais e o cumprimento das sentenzas xudiciais sobre o cadro de persoal público.
Por outro lado, denuncia que se rexeitaran peticións veciñais relacionadas coa seguridade, como a creación de beirarrúas en Virxe da Soidade ou na contorna da Residencia de Maiores das Gándaras, así como no tramo do barrio da Ponte que comunica coa parte alta do barrio co cemiterio, a eliminación de tapóns urbanísticos en Escultor Asorei, a cobertura do parque infantil da Fonte dos Ranchos ou mellorar os servizos no rural: o plan plurianual que permite dotar aos núcleos rurais de abastecemento; taxi a demanda; plan de reparacións; mantemento e desbroces das estradas; vaciado das fosas sépticas.
"A realidade política é que, hoxe, socialistas e nacionalistas aprobaron uns orzamentos sen ter en conta aos representantes dos traballadores, co rexeitamento da sociedade e sen contar cun consenso co grupo maioritario da corporación", concluíron os populares.