Lugo aprobará as bases das concesións dos postos e barracas do San Froilán
O Concello de Lugo aprobará mañá as bases que rexerán as concesións do recinto feiral e do GastroArte para o ano 2022.
Así o explicou a titular de Cultura, Maite Ferreiro, quen asegurou que “desde a área de Cultura continuamos a traballar na nova edición do San Froilán, que este mes de outubro volverá ser a gran festa do outono galego, despois de dúas edicións marcadas polas restriccións sanitarias derivadas da pandemia”.
O Goberno de Lugo aprobará mañá as bases para instalar 139 postos no Recinto Feiral, que se repartirán entre as Costas do Parque, a avenida Rodríguez Mourelo, a rúa García Portela e o fondo da Praza Maior.
Adxudicaranse 25 atraccións, xogos de azar, espectáculos, carruseis e xogos de habilidade, que se repartirán entre as Costas do Parque, a avenida Rodríguez Mourelo e a rúa García Portela, que tamén acollerán a instalación de 10 postos de alimentación.
O recinto feiral acollerá tamén a instalación de 104 postos e stands de venta, distribuídos entre o fondo da Praza Maior e o resto de rúas do Feiral.
As bases do GastroArte permitirán colocar un máximo de 32 postos na feira ubicada na rúa Puro Cora.
PREZOS
Os prezos de partida da adxudicación variarán entre os 121,23€ das mesas de venta máis pequenas (1,5 x 1 metro) ata os 29.841,30€ do carrusel máis grande, ubicado no Pavillón dos Deportes, e cunha extensión de 90x16 metros. Cada un dos postos do GastroArte terá un tamaño de 3x2x2,90 metros, e terán un prezo de saída de 704,63€.
No GastroArte só se poderán presentar postos de artesanía, puntos de venta de productos elaborados de forma artesanal, e de gastronomía, productos elaborados con materias primas de calidade, reservados a productores que conten con algún distintivo de calidade diferenciada.