Lugo aprobará unha ordenanza pioneira para o cemiterio de mascotas municipal

LugoXa
O proxecto ofrecerá un espazo público e digno para despedir os animais de compañía, con nichos e servizos adaptados
cemiterio-municipal-de-Lugo
24 Oct 2025

A Tenencia de Alcaldía do Concello de Lugo publicou no Boletín Oficial da Provincia a aprobación inicial da ordenanza xeral que regulará o cemiterio de mascotas municipal, "un proxecto pioneiro en Galicia que permitirá ofrecer un espazo público e digno para a despedida dos animais de compañía", explicou a edil Cristina López. O cemiterio, situado nas inmediacións do Cemiterio Municipal, contará con espazos axardinados e servizos adaptados para preservar a memoria dos animais falecidos.

O proxecto inclúe nichos individuais para furnas de cinzas e un cinceiro xeral para mascotas. O recinto estará aberto ao público no mesmo horario que o Cemiterio Municipal de San Froilán, e poderá acoller actos de despedida, depósito ou retirada de cinzas, así como visitas das persoas usuarias. As unidades de enterramento, nichos ou columbarios serán concedidas en réxime de concesión administrativa por un período de cinco anos, con posibilidade de prórroga por outros cinco anos máis.

Cristina López destacou o traballo realizado nos últimos anos para mellorar o Cemiterio Municipal. "Neste tempo realizamos a primeira ampliación do cemiterio desde o 2006 e melloramos espazos tanto na zona antiga como na nova", explicou, e engadiu que "seguimos a planificar traballo para mellorar o Cemiterio Municipal, atendendo tamén ás solicitudes que nos fai chegar a veciñanza".

⚙ Configurar cookies
0.082076072692871