Lugo avanza cara a unha conexión peonil entre os parques de Rosalía e Marcos Cela

O Concello de Lugo está a desenvolver os traballos de soterramento das instalacións eléctricas na contorna como paso previo ao proxecto que unirá os parques de Rosalía e Marcos Cela mediante unha plataforma peonil.
Así o explicou o tenente de alcalde, Rubén Arroxo, quen sinalou que esta actuación formará parte dos orzamentos de 2026 e permitirá avanzar cara a unha cidade máis camiñable, creando un novo espazo peonil entre dúas zonas clave da cidade.
Esta alternativa peonil accesible permitirá salvar a barreira que supón a ronda República Arxentina, creando unha zona útil non só para unir os parques, senón tamén para o uso da veciñanza da área. “Isto tería un concepto importante a nivel cidade”, afirmou Arroxo.
O tenente de alcalde detallou que esta actuación permitirá avanzar na creación dun corredor leste-oeste que nacería na praza do Camiño Primitivo, en Fontiñas, subiría por Carril das Flores —que se fará peonil—, continuaría pola Mosqueira e pola Ronda da Muralla, entrando en Recatelo a través do Carril dos Loureiros.
Desde aquí, o percorrido continuaría polo barrio de Recatelo ou polo novo Muro de Frei Plácido Rei Lemos, ata chegar á pasarela que permitirá cruzar cara a Magoi ou ao parque Marcos Cela por un espazo peonil. Segundo Arroxo, esta alternativa creará un espazo “practicamente peonil” entre Fontiñas e o río.