Lugo avanza na Intermodal: a modificación do PXOM, a pleno
O Concello de Lugo elevará ao vindeiro pleno a aprobación definitiva da modificación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) coa que acadar a descatalogación do Edificio de Correos, ao carón da estación de Ferrocarril.
Este asunto tratarase no pleno logo de que Adif e a Xunta de Galicia desen a súa conformidade ao proxecto técnico elaborado polo Servizo de Arquitectura que recollía os cambios a realizar. Este edificio aparecía, de forma errónea, no Catálogo de Protección do PXOM.
Este trámite deberá ser validado na Xunta de Goberno de mañá para avanzar na materialización das competencias que o Goberno local tiña asignadas no protocolo de colaboración que mantén para a construción da Estación Intermodal.
A alcaldesa explicou hoxe que trala súa aprobación definitiva se procederá a publicación do acordo no DOG. Ademáis remitirán un exemplar do PXOM coa modificación puntual xa incorporada á Consellería de Medio Ambiente para a súa inscrición no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia, paso imprescindible e definitivo para darlle eficacia ao acordo.
Lara Méndez lembrou que o equipo técnico revisou a contorna de protección do edificio da estación do ferrocarril e estableceu os condicionantes necesarios tanto para a salvagarda do ben protexido como da devandita contorna, sen que isto supuxera a cualificación do mesmo como ben catalogado.
A rexedora lucense apelou ao cumprimento dos compromisos anunciados polos organismos públicos para materializar a dotación e quixo destacar a importancia de “axilizar todo o posible o procedemento así como a necesidade de chegar a acordos con dilixencia para que a creación da instraestrutura avance e Lugo poida recuperar posicións no mapa ferroviario e mellorar a súa competitividade”.
“Especialmente, tendo en conta que, se non fora polo cambio de criterio do Goberno autonómico, a descatalogación do edificio de Correos se podía ter abordado coa aprobación dun informe de interpretación de interese público, o que houbera diminuído considerablemente a burocracia e os tempos de xestión”, concluíu Méndez.