Lugo avanza na preparación da gala dos XXIV Premios Mestre Mateo

LugoXa
Deputación, Concello e Academia Galega do Audiovisual coordinan actividades para involucrar ao sector cultural e á cidadanía na celebración prevista para marzo no Auditorio Fuxan Os Ventos
reunion-academia-audiovisual-cultura-lugo
4 Nov 2025

A organización da vindeira gala da XXIV edición dos Premios Mestre Mateo continúa tomando forma en Lugo, onde xa se intensifica a planificación das actividades previas á cerimonia, que terá lugar o 21 de marzo no Auditorio Fuxan Os Ventos.

A deputada de Cultura, Iria Castro, e a concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, mantiveron unha reunión coa dirección da Academia Galega do Audiovisual para avanzar nos detalles da programación.

No encontro participaron tamén a vicepresidenta da entidade, Carmen Méndez, a xerente Marisela Lens e o director Miguel Mariño. Durante a reunión analizáronse os espazos dispoñibles na cidade para acoller as diferentes propostas culturais que se desenvolverán nos vindeiros meses, co propósito de implicar ao tecido cultural, en especial ao vinculado ao audiovisual, así como á veciñanza lucense na promoción da gala.

Nesa liña, tanto Castro como Ferreiro destacaron que se está a traballar man a man coa Academia Galega do Audiovisual para que este período previo á gala sirva como escaparate do talento, a creatividade e a diversidade de iniciativas que xorden en Lugo no ámbito audiovisual. Ademais, subliñaron a importancia de aproveitar este proceso para reforzar a relevancia do sector na normalización da lingua galega.

O proceso de selección das candidaturas aos Premios Mestre Mateo arrincou o pasado 15 de outubro coa apertura do prazo para que obras e profesionais poidan presentar a súa proposta. Segundo o calendario previsto, a finais de xaneiro de 2026 daranse a coñecer as finalistas en cada categoría, mentres que no mes de febreiro terá lugar a tradicional Xuntanza de Finalistas e tamén se anunciará o Premio de Honra Fernando Rey.

⚙ Configurar cookies
0.075348138809204