Lugo avanza na prevención contra os ciberataques

LugoXa
Unha ampla porcentaxe de traballadoras e traballadores da administración local está a recibir formación continua en materia de ciberseguridade
charla-ciberseguridade-concello-de-lugo
18 Xuño 2024

Ante o incremento de ciberataques nas empresas e nas distintas administracións, o Concello de Lugo está a avanzar na prevención da piratería informática para minimizar riscos ante eventuais ataques. É por iso que unha ampla porcentaxe de traballadoras e traballadores da administración local está a recibir formación continua en materia de ciberseguridade, para loitar contra as ameazas ás que se expón a información.

A alcaldesa Paula Alvarellos visitou o Vello Cárcere, onde se está a impartir un curso para empregados municipais, co obxectivo de afondar na loita contra a piratería informática e na formación en ciberseguridade. Neste sentido, Alvarellos Fondo sinalou que “desde o Concello de Lugo queremos garantir a seguridade na administración local, ao tempo que avanzamos na dixitalización co fin de mellorar a eficacia e a eficiencia dos servizos municipais que prestamos á cidadanía”.

O Concello enfróntase a unha contorna de traballo cada vez máis dixitalizado, tramitando expedientes electrónicos, respondendo a correos electrónicos, procesando facturas e recibos, xestionando aplicacións na nube ou en dispositivos móbiles, ou realizando tarefas de difusión en redes sociais. Este emprego diario da tecnoloxía leva aparellados riscos que, en ocasións, poden comprometer gravemente o funcionamento de toda a administración.

As veces, as ameazas chegan da man dos ciberataques, un problema que está a cambiar e a aumentar constantemente, pero noutras ocasións o que se pode detectar como piratería informática son erros humanos que hai que corrixir. De feito, desde o Executivo de Paula Alvarellos se explica que “aínda que se avanzou moito na posta en marcha de medidas de ciberseguridade, hai que ter en conta que hai incidentes de seguridade que non son técnicas de piratería sofisticadas, senón que a miúdo vense favorecidos por erros humanos”.

Por iso, as sesións formativas que se están a desenvolver teñen como obxectivo, por unha banda, proporcionar os coñecementos e ferramentas necesarios para identificar, previr e responder eficazmente ante posibles ataques informáticos, e por outra, evitar na medida do posible o maior número de erros humanos que podan supoñer unha ameaza para o sistema.

0.1936149597168