Lugo brillará en Europa na conferencia da Presidencia española da UE de setembro

LugoXa
A Deputación terá un papel clave na conferencia da Presidencia española da UE sobre o reto demográfico que se celebrará en Lugo en setembro
ALBES tome reunion lugo
25 Xul 2023

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, compartiu co Ministro de Asuntos Exteriores, José Manuel Albares Bueno, un encontro no que o Ministro destacou que a institución provincial terá un papel clave na conferencia de alto nivel da Presidencia española da Unión Europea sobre políticas de envellecemento activo e reto demográfico que se celebrará en Lugo o vindeiro 8 de setembro.

“O Goberno de España decidiu descentralizar a Presidencia europea para que sexa do conxunto do país, e para a nosa provincia, que é unha das 27 do Estado que teñen problemas serios de despoboamento, este é un protagonismo moi importante”, valorou o Presidente, que cre que é fundamental “facer políticas para acercar os servizos ao rural”.

Neste sentido, José Tomé destacou o traballo que leva facendo anos a institución, dende a presidencia de José Ramón Gómez Besteiro, despregando unha rede pública de residencias de maiores “que favorecen o arraigo cunha atención de calidade e crean emprego, precisamente os piares na loita contra o despoboamento”.

Lembrou nese sentido que a Deputación de Lugo ten xa en marcha un total de 9 residencias –nos concellos de Pol, Trabada, Ribadeo, A Fonsagrada, Castroverde, Pedrafita do Cebreiro, Meira, Navia de Suarna e Ribas de Sil- que dan servizo na provincia a través dun modelo de pequenos centros públicos, nos que prima a atención ás persoas, e que conta con moi boa acollida en Europa. Así mesmo, recordou que está a traballar nos proxectos para a creación doutros 9 centros nos concellos da Pontenova, Portomarín, Guitiriz, Becerreá, A Pobra do Brollón, Ourol, Cervantes, Folgoso do Courel e Ferreira de Pantón. “Sitios ós que non van as empresas privadas nin a Xunta de Galicia, que nestes 14 anos nin apareceu por alí”, sinalou.

Unha rede de centros que, en palabras de José Tomé, “trata de acercar xustamente ese servizo aos cidadáns para que non haxa desarraigo, para que poidan vivir onde viviron sempre, coas súas familias, cos seus amigos e veciños”. Apuntou tamén a importancia que teñen estes centros para a creación de emprego no rural, “que é a mellor maneira de reter poboación”, porque segundo sinalou, “sen servizos e sen emprego non hai poboación no rural, dúas cuestións, o emprego e os servizos, que son pilares na loita contra o despoboamento no rural”.

Un Lugo que brille en Europa

O Ministro de Asuntos Exteriores do Goberno de España destacou que “Lugo quere estar no centro da Presidencia española da Unión Europea, que arrancamos o pasado 1 de xullo e na que, como saben, esta cidade vai ter unha das reunións claves”. Albares sinalou que “a alcaldesa e o presidente da Deputación traballarán moi directamente para esa conferencia de alto nivel sobre envellecemento e despoboamento, na que se vai debater e na que se van tomar decisións claves en cuestións que teñen que ver co coidado dos nosos maiores, e para a cohesión territorial e a loita contra o despoboamento”.

Valorou tamén o Ministro o encontro co tecido produtivo da provincia que tivo lugar no Edificio Impulso Verde, unha construción de referencia en termos de sustentabilidade, e no que Albares puido “comprender mellor as necesidades desta provincia, para que poida brillar en Europa ao longo da súa Presidencia”.

0.21703505516052