Lugo busca unirse a Rede de Cidades pola Bicicleta

LugoXa
Na segunda Mesa Obseravatorio celebrada un dos principais puntos a tratar foi a adhesión de Lugo a Rede de Cidades pola Bicicleta
Mesa Observatorio da Bicicleta
14 Nov 2022

A Mesa Observatorio posta en marcha polo Goberno Local no marco da estratexia Lugo en Bicicleta para impulsar a bicicleta nos desprazamentos habituais urbanos, celebrou a súa segunda reunión de traballo. Este órgano participativo está integrado por colectivos e institucións vinculados ao mundo da bicicleta e dos potenciais usuarios, como a Universidade, as ANPAs, os clubs ciclistas, os comercios especializados en ciclismo de Lugo, ou o grupo Mulleres en Forma e Masa Crítica, e a súa finalidade é manter un diálogo permanente para pór en marcha accións de incentivación, comunicación e concienciación sobre os beneficios saudables e medioambientais.

Neste segundo encontro, no que tamén participou o concelleiro de Deportes, Mauricio Repetto, abordáronse temas relacionados coa divulgación da nova senda verde cicilista e as ferramentas que se utilizarán na promoción do seu uso por parte da cidadanía, coa elaboración de material divulgativo e accións a pé de rúa; así como actuacións de concienciación e sensibilización. Un dos principais puntos tratados foi a adhesión do Concello de Lugo á Rede de Cidades pola Bicicleta, “iniciativa na que estamos a traballar actualmente”, explicou Repetto.

“Trátase dunha asociación composta por entidades locais que ten por obxecto a xeración dunha dinámica entre as cidades españolas co fin de facilitar, facer máis segura e desenvolver a circulación dos ciclistas, especialmente no medio urbano”, avanzou o concelleiro, quen subliñou que “actualmente, máis de 150 entidades do país xa están aheridas a esta rede”.

Repetto explicou que “unha vez presentada esta iniciativa á Mesa Observatorio e acadado o consenso e apoio dos integrantes para seguir adiante co proceso de adhesión, o seguinte paso será levar ao Pleno a proposta para a súa aprobación, co fin de tramitar a solicitude formal”.

Neste senso, Repetto lembrou que entre os obxectivos da Mesa “está o fomento do uso da bicicleta entre os nenos, estudantes e traballadores; a formación, especialmente en colectivos que hoxe en día menos usan a bicicleta, como poden ser as mulleres; mellorar as infraestruturas ciclistas; impulsar o emprego, xa que a aposta pola bicicleta abre novas oportunidades, incluso vinculadas co turismo, e mesmo a adxudicación dun servizo de bicicletas na cidade”.

Senda verde ciclista

Os 14 quilómetros da primeira senda verde ciclista de Lugo une 8 barrios da cidade entre si e a estes co Miño, cumprindo así tamén un compromiso de seguir avanzando na inclusión da trama urbana na contorna fluvial. O itinerario, todo con continuidade, completa un circuíto e foi deseñado pensado para que cidadanía poida  utilizar a bicicleta nas súas viaxes cotiás. Por iso, o percorrido trazouse para que fosen rutas seguras, para os ciclistas e tamén para os peóns, valorando, así mesmo, a densidade de tráfico e as pendentes das rúas. Por este motivo, conviven carrís bici segregados (de cor verde) nas rúas con maior ancho, que representan o 50% da senda, cos viarios de coexistencia, onde a velocidade máxima dos vehículos se reduce ao 20%.

Tamén se buscou a rectitude do itinerario, buscando os traxectos máis curtos e directos que conecten distintos puntos, e cos mellores tempos de percorrido, para favorecer o uso a bicicleta como transporte habitual. Tamén foi importante a eliminación do menor número de prazas de estacionamento, creándose, ademais, novos aparcamentos alternativos. Pérdense pouco máis dun centenar de prazas en todo o itinerario.

0.20148515701294