Lugo camiño da peonalización

LugoXa
O Concello de Lugo busca acometer a peonalización integral do casco histórico así como ampliar as zonas peonís noutras partes da cidade
zonas verdes Lugo peonalizacion
30 Xul 2022

Antes do 2024 o Concello de Lugo busca acometer a peonalización integral do casco histórico da cidade co obxetivo de converter o recinto amurallado nunha Zona de Baixas Emisions (ZBE). Estas áreas pretenden mellorar a calidade do aire e mitigar as emisións de gases de efecto invernadorio, mellorando a saúde da cidadanía e permitindo unha maior conservación do patrimonio. Para os concellos de máis de­­ 50.000 habitantes estas áreas serán obligatorias a partir do ano 2023 segundo recolle a Lei do Cambio Climático.

As intervencións previstas serán tres. Actuarase nas prazas do Ferrol e San Fernando; entre Porta de Bispo Odoario (Hospital) e Praza do Ferrol, nas rúas Montevideo, Bolaño Rivadeneira, Ramón e Cajal, Quiroga Ballesteros (entre Bolaño Rivadeneira e San Froilán) e Amor Meilán (entre Quiroga Ballesteros e San Fernando), e na Praza de Santo Domingo e rúa Teatro. O obxectivo é reducir un 40% as emisión destas zonas derivadas do tráfico rodado, que ascenden a unha media de 409,71 toneladas de CO2 ao ano provocados polos máis de 37.000 vehículos que transitan por elas cada semana.

Esta peonalización ten como principais obxetivos a mellora da calidade de vida da veciñanza, poñer en valor os elementos arquitectónicos, escultóricos e históricos máis emblemáticos e impulsar os espazos públicos para dinamizar social e económicamente o centro histórico da cidade. Así as obras proxectadas polo gabinete de arquitectos terán en conta a singularidade dos espazos, os edificios e os antecedentes históricos para realizar unha transformación respetuosa coa historia e o patrimonio.

Baixo estes parámetros, as intervencións suporán un cambio de mobilidade, establecido en dous sectores da cidade:

Praza do Ferrol e rúas Montevideo, Quiroga Ballesteros, Bolaño Rivadeneira, Amor Meilán e San Fernando

Nesta zona, que é o espazo de conexión principal da zona amurallada co norte da cidade e o aceso aos aparcamentos públicos, a circulación rodada accede pola porta do Bispo Odoario e sae pola de San Fernando. Nas prazas de Ferrol e San Fernando, o espazo público está supeditado ao tráfico rodado e ocupa máis da metade da superficie.

Por iso, para favorecer a circulación rodada nun sentido único (en dobre sentido é desaconsellable en zonas peonís polo risco para as e os viandantes), entrarase pola Porta Bispo Odoario para proseguir polas rúas Montevideo e Bolaño Rivadeneira, Porta Falsa e saírase pola porta de San Fernando. Elimínase así o tramo de circulación da rúa San Fernando diante do cuartel, para darlle máis valor a este edificio e á Igrexa de San Froilán.

Só se propón un tramo de dobre sentido, entre a Porta do Bispo Odoario, e a rúa Ramón y Cajal para o acceso ao aparcadoiro de Vía Romana, de xeito que se eliminan os 600 vehículos de tránsito que produce este aparcadoiro. O resto do tráfico, residentes e mercadorías, distribúese por rúas Quiroga, Amor Meilán e San Froilán.

Praza de Santo Domingo e rúa do Teatro

As principais circulacións peonís actuais prodúcense polo perímetro de Santo Domingo e polo medio, conectando a rúa da Raíña coa de San Marcos e tamén pola rúa Teatro, mentres que o tráfico rodado procede da Rolda da Muralla cara os aparcadoiros de Ánxel Fole (con 900/1000 rotacións por día), que soe provocar colapsos entre os que acoden alí a estacionar e a cola ocasionada polo semáforo da Rolda, e de Santo Domingo (250/300 rotación día). O resto de tráfico significativo é residentes e mercadoría procedente de Quiroga Ballesteros e Armañá

En canto ao esquema de circulación en Santo Domingo, a circulación responde a un momento en que Quiroga Ballesteros, San Marcos e Raíña eran transitables, pero agora está obsoleto. Por iso a proposta é reducir a circulación a mínimos en Santo Domingo cun único sentido de circulación, tanto en Quiroga Ballesteros como na Praza. A circulación faise en diagonal para facilitar os espazos máis próximos ao perímetro.

En canto ás transformación urbanísticas proxectadas serán en tres zonas e levanránse a cabo da seguinte maneira.

Praza de Ferrol e San Fernando

Está contemplado como un espazo único cun conxunto especial a poñer en valor, conformado polo Cuartel de San Fernando (inmoble BIC) e a Igrexa de San Froilán. Xunto co futuro uso de Cuartel como Museo dá Romanización de Galicia e do Noroeste Español eliminarase o tráfico rodado diante co fin de reforzar o seu carácter emblemático, unido a instalación de unha escultura a gran escala e unha zona arbolada.

Na parte posterior do colexio-igrexa, os macizos axardinados reconverteranse en zonas para estancia, coa posibilidade de instalar terrazas de hostalería, e na área do Centro de Saúde ampliarase o espazo para canalizar o paso de peóns a pórta Falsa. Unido a esto tamén se trasladará á fonte de San Fernando e a escultura homenaxe á enfermería ao carón da Igrexa e á fronte da Tesourería xeral da Seguridade Social, respectivamente.

Rúas Bolaño Rivadeneira, Quiroga Ballesteros, Montevideo e Amor Meilán

Nesta zona búscase a diferenciación por medio da arboleda - tanto pola disposición dos aliñamentos como polas especies elixidas - que evidenciarán a evolución histórica, a primeira máis antiga, vinculada ao ensanche proxectado na zona vella, e a segunda, como prolongación para conectar con porta do Hospital tras a construción de Santa María.

No tramo da rúa Quiroga Ballesteros contémplase unha maior densidade de árbores ao lado das edificacións residenciais, reservando zona de carga e descarga entre eles e liberando de obstáculos visuais os edificios dotacionais catalogados. Ademais, Amor Meilán dótase dun aliñamento de camelios procedentes de Santo Domingo, achegando unha cor e unha riqueza que acompañen aos usuarios.

O pavimento está resolto con plataforma única, que destaca o paso de vehículos, e prevese na zona de tránsito de peóns, zonas de ocupación de terrazas de hostalería. O impacto da medianeira do instituto Xoán Montes intégrase por ocultación co transplante do Ghinko Biloba, árbore singular hoxe en Santo Domingo, redeseñando este espazo para favorecer a estancia.

Praza de Santo Domingo e rúa Teatro

Nesta intervención, un dos elementos máis emblemáticos, o monumento do bimilenaro de Lugo, proxéctase como un punto de encontro da cidadanía, que se moverá de sitio para que poida gardar a simetría coa Torre do Reloxo do Concello no eixo da rúa Raiña, propoñendo unha ligazón entre os dous monumentos decisivos na cidade.

Ademais, deséñanse outros dous ámbitos diferenciados, cada cúal co seu foco escultórico, na parte alta da Praza, na contorna dun edificio singular como o Palacete de Somoza, e na esquina do Palacio de Velarde. Estes ámbitos estarán arborados e ben equipados con mobiliario urbano para favorecer a estancia e a posible instalación de terrazas de hostalería.

Tamén, no eixo ligado ao mosteiro de Santo Domingo e San Francisco, como fondo visual da praza polo oeste, búscase un aliñamento de plantacións para permitir unha mirada en perspectiva e devolverlles a importancia que tiveron na orixe deste espazo urbano. Continuarase co pavimentado colocado na zona recentemente peonalizada e coa plataforma única con diferenciación do tránsito rodado e da zona central cun deseño concéntrico ao monumento.

Con esas premisas, a empresa Proyestegal SL será a encargada de realizar os proxectos para as tres intervencións previstas. A primeira delas, que contará con 15 días de execución, abrangue a peonalización entre a porta Bispo Odoario e a Praza do Ferrol cun investimento superior aos 57.000 euros. O segundo proxecto, cun mes de prazo de execución, comprende unha parte do denomminado Corazón verde entre Murallas e afecta á Praza do Ferrol. Neste caso, o orzamento será de 47.288 euros. O último e terceiro proxecto, cun mes de prazo de execución, atende á zona incluída entre a Praza de Santo Domingo e a rúa do Teatro. Prevese así, un custe de algo máis de 37.800 euros.

Pararelo a estes proxectos de peonalización dentro dos marcos da muralla o concello está a levar a cabo a peonalización de diferentes espazos da cidade entre os que destaca o proxecto de transformación da Ronda da Muralla co cambio de percorrido entre a rúa Santiago e a rúa Vilalba e a zona da Mosqueira. Estas obras de peonalización tamén se están levando a cabo en outros puntos da cidade como a rúa Rafael de Vega ou Camiño Real.

No percorrido entre a rúa Santiago e a rúa Vilalba xa se habilitara un paso peonil no 2020, unha zona provisional que apenas tiña beirarrúa e na que os vehículos circulaban pegados a Muralla. Actualmente, coas obras acometidas neste percorrido o espazo adicado os peóns aumentou e renovouse a zona da Porta de Santiago dando unha mellor estética ao punto da cidade no que se xuntan os tres Patrimonios da Humanidade. De cara á renovación do alumeado deste treito da muralla intalaronse 9 novas luminarias LED tipo RGB, que permiten variar a luminosidade do monumento segundo a hora do día, mostrando luces de tonalidade cálida na noite e luz fría durante as mañás, o que mellorará a percepción visual.

Por outra banda a nova zona peonil da Mosqueira é un espazo multiusos, con zonas verdes e espazo para a realización de actividades culturais e de ocio, na que se respecta a visión dos arcos da Mosqueira e do edificio racionalista do arquitecto Eloy Maquieira. O proxecto foi realizado co obxectivo de avanzar na mellora da percepción visual da Muralla, e a zona inferior, próxima á porta de San Pedro, conta cunha pavimentación novidosa en Lugo, que alterna céspede e baldosas.

En Rafael de Vega a solución executada polo Goberno de Lugo permitiu crear unha zona uniforme e continua, cunha praza que favorece o carácter peonil do conxunto, mantendo a presenza de árbores e de zonas de sombra. A nova zona inclúe tamén un novo alumeado ornamental a nivel do chan, que aumenta o ambiente cálido e acolledor desta e o espazo central organizouse en forma de grada urbana que contará con elementos novos de mobiliario urbano.

Mais recentemente dende Mobilidade e Infraestruturas Urbanas presentouse o proxecto de humanización do treito final da rúa Camiño Real, comprendido entre a rúa Concepción Arenal e a Ronda da Muralla. A nova zona peonil, que suprimirá o tránsito xeral de vehículos, mantendo o acceso ao tráfico rodado para os residentes, terá un mellor acondicionamento ambiental, ao instalarse zonas verdes con árbores e arbustos no novo treito. O mobiliario urbano tamén se renovará, instalando bancos con respaldo, ademais de papeleiras e fontes. O tráfico procedente da rúa Camiño Real desviarase, percorrendo a rúa Concepción Arenal e incorporándose de novo á Ronda da Muralla a través da rúa das Anduriñas.

Os procesos de peonalización non se están a acometer só no centro da cidade e dentro da Muralla senón que se extenden a outras zonas. Así xa deron comezo as obras de peonalización e humanización da Calzada da Ponte, que van desde a Ponte Romana ata a rúa Santiago. Pola confluencia do Camiño Primitivo e parte da Vía Romana XIX esta é unha das zonas de maior riqueza patrimonial e histórica da cidade. Estas obras contribuirán a mellorar un dos principais accesos ao río incrementando a lonxitude das sendas, tanto peonís como ciclistas, para acceder á zona fluvial. A intervención abarca a explanada diante da Ponte Romana, a rúa Calzada da Ponte, o acceso dende o enlace da Volta da Viña coa N-VI e os ramais de San Lázaro e de acceso á N-VI, así como o viario cara o Balneario, aínda que non se chegará ata as termas porque Patrimonio da Xunta de Galicia non o autorizou.

O tenente alcalde de Lugo, Rubén Arroxo, tamén ven de anunciar que está aprobada a contratación da peonalización da rúa Gallego Tato, no barrio da Piringalla, avanzando nas actuacións de calmado de tráfico nas contornas escolares. Con esta obra crearase unha nova zona de estancia, onde se instalarán bancos, mesas e fontes, xunto con árbores e arbustos, que xerará un ambiente máis saudable e con zonas de sombra no verán. O proxecto propón a implantación de material vexetal como elemento acondicionador da nova zona, co obxectivo de mellorar a calidade ambiental na contorna do colexio.

Crear unha cidade mais amable para os peóns reducindo a circulación de vehículos segue sendo un dos obxectivos da administración local. Un traballo de longo percorrido que busca converter a Lugo en unha cidade mais verde e sostible.

0.13488388061523