Lugo cede instalacións municipais ás escolas deportivas para a nova tempada

LugoXa
O Concello facilitará o acceso ao deporte base cunha ampla oferta de disciplinas para o curso 2025-2026
instalacions-municipais-Lugo
19 Sep 2025

O Concello de Lugo vén de anunciar que poñerá a disposición das preto de vinte escolas deportivas da cidade as instalacións municipais de maneira gratuíta para o desenvolvemento das actividades previstas na tempada 2025-2026. Esta cesión, que beneficia a un total de 17 clubs lucenses, pretende facilitar o acceso ao deporte da mocidade e ofrecer un amplo abano de opcións formativas.

As sesións levaranse a cabo nos polideportivos de Frigsa, O Palomar e Daniel Cordido, ademais da Casa do Deporte, a piscina de As Pedreiras e o Pavillón Municipal dos Deportes. Tamén se empregarán o Pazo Provincial dos Deportes e diversos colexios da cidade como sedes dalgunhas modalidades.

O programa municipal inclúe un total de 17 disciplinas: aikido, baloncesto, balonmán, béisbol, esgrima, hóckey liña, ciclismo, MTB, loitas olímpicas, patinaxe, triatlón, piragüismo, rugby, taekwondo, tenis, tenis de mesa e ximnasia rítmica. En función da actividade, algunhas escolas contarán con matrícula gratuíta, mentres que noutras será necesario aboar unha cota de inscrición.

O concelleiro de Deportes, Jorge Bustos, subliñou que a colaboración coa cesión sen custo das instalacións “favorece o desenvolvemento das escolas e supón unha clara aposta pola promoción da actividade física e polo apoio ao deporte base”. Tamén expresou a súa confianza en que a alta participación que se agarda “amosa o interese da veciñanza e a boa sintonía entre o Concello e os clubs locais”.

Bustos lembrou, ademais, que o obxectivo principal do programa é “ofrecer unha proposta de lecer centrada en valores saudables, mellorar as habilidades sociais da rapazada, fomentar a integración e a convivencia, e promover o uso das instalacións municipais”.

⚙ Configurar cookies
0.10407018661499