Lugo celebra a carreira final do Corre con Nós cunha homenaxe ás Forzas Armadas e Corpos de Seguridade

LugoXa
Conta con preto de mil atletas inscritos para esta última xornada e un total de 2.400 competidores ao longo das cinco probas anteriores
Corre-con-Nós-2025-Lugo
5 Jun 2025

Lugo despedirá este domingo, 8 de xuño, a vixésimo terceira edición do Circuíto Larsa Corre con Nós cunha carreira moi especial que renderá homenaxe ás Forzas Armadas e Corpos de Seguridade do Estado.

A proba, que terá lugar no entorno do Parque de Frigsa, contará cun novo punto de saída e chegada situado xunto ao Auditorio Gustavo Freire, onde tamén se instalará a infraestrutura organizativa e unha exposición de vehículos e equipamento das forzas participantes.

Na carreira principal, que comezará ás 12:30 horas, tomarán parte efectivos do Exército de Terra, Exército do Aire e do Espazo, Armada, Policía Nacional, Policía Autonómica, Garda Civil, Policía Local e Bombeiros de Lugo, nun acto que mestura deporte, recoñecemento institucional e participación cidadá.

Durante a mañá, desenvolveranse tamén as probas das categorías Mini, Sub10, Sub12, Sub14 e Sub16, con percorridos adaptados entre os 250 e os 1.700 metros. O tráfico na Avenida Duquesa de Lugo será reordenado entre as 11:30 e as 13:30 horas para facilitar o desenvolvemento seguro da carreira. A entrega de trofeos das distintas categorías celebrarase na segunda quincena de xuño, mentres que a devolución dos chips de aluguer poderá realizarse ata o 30 de xuño en Intersport Lugo.

Con preto de mil atletas inscritos para esta última xornada e un total de 2.400 competidores ao longo das cinco probas anteriores, a área de Deportes do Concello de Lugo pecha así unha nova edición dun circuíto que se consolidou como o único de carreiras populares gratuítas de Galicia.

O concelleiro de Deportes, Jorge Bustos, salientou o apoio das empresas colaboradoras e o compromiso constante do Concello, que leva 23 anos organizando este evento.

⚙ Configurar cookies
0.17044901847839