Lugo celebra a diversidade e o Orgullo LGTBIQ+

LugoXa
O Concello de Lugo desenvolve unha completa programación para reivindicar a diversidade baixo o lema ‘E para vivir con Orgullo, Lugo’.
Orgullo LGTBI
28 Xuño 2022

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, participou nas actividades programadas con motivo do Orgullo LGTBIQA+, que comezaron na tarde de onte e que se desenvolverán durante todo o día co propósito de “fomentar a igualdade e o recoñecemento social de todas as persoas que viven e conviven na nosa cidade, incidindo especialmente no respecto e o cumprimento dos dereitos independentemente da condición sexual de cada cidadán”.

A rexedora destacou o lema da campaña elixida este ano polo Concello para reivindicar os dereitos das persoas LGTBIQA+, ‘E para vivir con Orgullo, Lugo’, que “amosamos na mesma fachada do Concello xa que como institución temos a obriga de visibilizar o camiño que aínda queda por percorrer”.

Méndez puxo en valor o firme compromiso do Concello de Lugo como administración local na defensa da liberdade e por unha sociedade diversa e igualitaria. Desenvolvemos políticas públicas encamiñadas a evitar a existencia da LGTBI-fobia, “especialmente a través da educación e da concienciación”.

Ás 20.00 horas, a rexedora, xunto á concelleira de Igualdade, Silvia Alonso, e outros membros do equipo de Goberno, e da man das asociacións Alas, Avante LGTB+, Agrocuir e Sete Outeiros, participará na manifestación pola igualdade e dignidade efectiva e real. A mesma sairá desde a praza Horta do Seminario e percorrerá Bispo Aguirre, Rolda da Muralla, rúa San Fernando, Bolaño Ribadeneira, Quiroga Ballesteros e Praza da Soidade, onde terá lugar a lectura dun manifesto.

Para finalizar o día, a partir das 21.00 horas, ten lugar a festa de pos de cores con sesión DJ.

0.15916204452515