Lugo celebra a Semana Internacional da Francofonía destacando o papel das Casas das Linguas

LugoXa
Durante a visita, Ferreiro destacou a importancia destas instalacións como espazos de referencia para a aprendizaxe e promoción de linguas de todo o mundo
Casa-das-Linguas-de-Lugo
21 Mar 2025

O tenente alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, e a concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, visitaron unha das Casas das Linguas municipais con motivo da Semana Internacional da Francofonía 2025.

Durante a visita, Ferreiro destacou a importancia destas instalacións como espazos de referencia para a aprendizaxe e promoción de linguas de todo o mundo.

“As Casas das Linguas son espazos fundamentais para o fomento do plurilingüismo en Lugo, onde se ofrece formación en distintas linguas ao longo de todo o ano. Hoxe é o día de celebrar a francofonía como unha oportunidade para poñer en valor a diversidade lingüística e cultural de Francia e de todos os territorios de fala francesa”, sinalou a concelleira.

As Casas das Linguas do Concello de Lugo ofrecen cursos e recursos de aprendizaxe en galego, portugués, inglés, francés, alemán e linguaxe de signos, favorecendo o acceso da cidadanía ao coñecemento de idiomas e impulsando o enriquecemento persoal e profesional das persoas participantes.

“A aprendizaxe de linguas abre portas, e desde a Área de Cultura seguimos apostando por facilitar o acceso a esta formación”, engadiu Ferreiro.

Nesta semana dedicada á francofonía, Lugo reivindica o valor do francés como unha lingua con proxección internacional, con fortes vínculos culturais e históricos. “O coñecemento de diversos idiomas é unha riqueza que debemos seguir promovendo, e as Casas das Linguas son unha ferramenta clave nese labor”, concluíu a concelleira.

⚙ Configurar cookies
0.12103986740112