Lugo celebra as probas da XIV Olimpíada Galega de Economía

LugoXa
A Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus Terra da USC acolle este venres 12 de abril, a partir das 16.
12 Apr 2024

A Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus Terra da USC acolle este venres 12 de abril, a partir das 16.30 horas, as probas da XIV Olimpíada Galega de Economía, un certame promovido polas tres universidades galegas xunto coa Asociación Galega de Ensinantes de Economía en Secundaria (AGAEDES) e no que tamén colaboran a Deputación Provincial de Lugo e o Colexio de Economistas de Lugo. O obxectivo do certame é a promoción do estudo da Economía e da Economía da Empresa entre a mocidade, ademais de premiar o esforzo e a excelencia académica.

As probas que se desenvolverán no centro universitario lugués constitúen a fase local da Olimpíada Española de Economía no ámbito de Galicia. Este certame de carácter autonómico está aberto á participación do alumnado matriculado no curso 2023/24 na materia Empresa e Deseño de Modelos de Negocio de 2º curso de Bacharelato en calquera dos centros de ensino secundario de Galicia. A participación será individual e cada centro poderá presentar un máximo de 5 estudantes.

O temario das probas abrangue bloques do programa oficial de Economía de 1º de Bacharelato e de Empresa e Deseño de Modelos de Negocio de 2º de Bacharelato, tales como son os contidos relativos ás decisións, ás realidades e ás políticas económicas, a empresa e a súa contorna, os modelos de negocio e xestión ou a estratexia e o método de análise da realidade empresarial. As probas, de carácter presencial, terán unha duración de dúas horas e estarán estruturadas en tres partes: un test de 20 preguntas, a resolución de dous exercicios prácticos e un comentario de texto sobre algún tema de actualidade económica..

Premios

Os tres primeiros clasificados na XIV Olimpíada Galega de Economía recibirán un diploma acreditativo e representarán ás universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG) na fase nacional da Olimpíada de Economía que se celebrará os días 19, 20 e 21 de Xuño de 2024 na Universidade La Rioja.

O Colexio de Economistas de Lugo outorgará asemade gratificacións en metálico por un importe global de 1.000 euros ás tres persoas que acaden a mellor puntuación. Os estudante clasificados entre os postos 4º e 8º recibirán un diploma acreditativo como finalistas do concurso. A orde establecida servirá, ademais, para cubrir posibles vacantes no caso de que algún dos tres primeiros clasificados renuncie a participar na Olimpíada Española de Economía.

0.17057394981384