Lugo celebra Día do Orgullo LGTBIQA+ na praza Maior
As cores da bandeira LGTBIQA+ locerán hoxe na Casa Consistorial, na Tanxurela, que se iluminará de noite, e tamén de forma permanente nos bancos do parque da Milagrosa, repintados ao efecto.
Concienciar en valores de integración, respecto á diversidade e igualdade e visualizar o compromiso do Concello de Lugo na defensa das liberdades afectivo-sexuais de todas as persoas. Con ese obxectivo, a área de Cohesión Social programou varias actividades para conmemorar hoxe o Día do Orgullo LGTBIQA+.
DJ Riquiña foi a encargada de iniciar os actos coa lectura do manifesto e, a continuación, integrantes da Corporación municipal colorearon coas súas propias mans un lenzo en branco para reproducir a bandeira que durante toda a xornada ondeará na fachada da Casa Consistorial. Un cartón pluma que quedou á disposición do público en xeral para que a cidadanía poida sumarse á iniciativa e plasmar coa súa pegada a necesidade de non involucionar en dereitos.
“Queremos poñer en valor o firme compromiso da Institución local polo desenvolvemento de políticas públicas encamiñadas a rematar coa LGTBI – fobia e en prol do recoñecemento social de todas e cada unha das persoas que viven e conviven na nosa cidade, incidindo especialmente no respecto e no cumprimento dos dereitos e liberdades, independentemente da condición sexual de cada unha”, sinalou a alcaldesa, Lara Méndez.
Entre outras das accións previstas para celebrar o Día do Orgullo figura a iluminación do Concello e tamén da pasarela Tanxurela coas cores da bandeira LGTBIQA+ coas que tamén foron repintandos os bancos do parque da Milagrosa.
Manifesto do Día do Orgullo LGTBIQA+ 2023
Vivir en paz. Vivir sen medo. Vivir libre.
Vivir sen ataduras e sen restricións. Vivir sen descriminacións
Vivir con dignidade.
Vivir en igualdade nunha sociedade que respecte á diversidade e as opción sexuais.
Son todas elas aspiracións lexítimas dun amplo colectivo integrado por lesbianas, gais, persoas trans, bisexuais, intersexuais ou queer, que representan nada menos que a preto de 4 millóns de persoas só no noso país, e que días como hoxe, o do Orgullo, debe servirnos para alzar a voz e visibilizar os seus problemas e necesidades.
Porque, pese aos avances nos seu dereitos, estes, lonxe de consolidarse, corren risco de retroceder ante os discursos de odio da extrema dereita, que se radicalizan, tamén no noso país, como así amosa o incremento do 70% destes delitos de odio por orientación sexual ou identidade de xénero. Un estudo recente calcula que o 8,6% das persoas LGTBI sufriu agresións físicas ou sexuais homófobas, e un 27,5% sofre discriminacións.
Non son datos que falen do pasado. Son datos do presente. Deste mesmo ano.
E os acosos non respectan os espazos públicos nin os espazos de traballo, nin os privados de ocio, como tampouco, nunha cifra aínda más descorazonadora, os colexios: nada menos que un 60% da comunidade LGTBI asegura sufrir acoso na escola.
E ante esta situación, debemos unirnos como sociedade e animar a todas as persoas que senten orgullo de vivir nun dos países onde se deron os maiores pasos en favor dos dereitos das persoas LGTBI, a unirse aos actos do Orgullo.
Debemos defender e reivindicar que non estamos dispostos a retroceder nin un milímetro ante a dor destas miles de persoas, senón a seguir avanzando con paso firme cara ao futuro.
Defendamos o dereito á igualdade e a vivir unha vida libre de discriminación indepedentemente da orientación e identidade sexual ou expresión de xénero de cada quen.
Non esquezamos que os dereitos se conquistan, na rúa, a través das institucións, dos parlamentos e dos boletíns oficiais: onde se cambia a vida da xente.
Pero logo debemos defendelos.
Debémosllo ás miles de persoas que foron encarceladas (e aínda o son en moitos países do mundo) e aquelas que faleceron e aínda seguen sendo asasinadas pola súa orientación sexual.
Pero tamén se llo debemos aos máis pequenos, defendamos o seu dereito a crecer sen sufrir nin insultos nin agresións; así como o seu dereito de ter referentes cos que poder sentirse identificados.
Estamos vendo como estes días, Gobernos de extrema dereita están a impedir que os balcóns dos concellos e de dependencias municipais visibilicen a bandeira que representan aos colectivos LGTBI+, e que, polo tanto, nos representan a toda unha sociedade plural, diversa e respectuosa, que deben impulsar tamén os gobernos locais, así como o resto de Administracións e institucións.
Porque co acto de facer desaparecer a simboloxía, invisibilizan a millóns de persoas, ocultan as cifras de agresións, negan os problemas que aínda quedan por resolver, e seguen a alentar os discursos de odio. Pero en Lugo loitamos por frear e erradicar estes discursos de odio, por fomentar a igualdade, por crer unha cidade segura para todas as persoas, ao marxe da súa identidade sexual, por lembrar todos os días, pero tamén un dia como o de hoxe, que aínda quedan pasos que dar para non só garantir os dereitos das persoas LGTBI+ senón por avanzar, apoiando as celebracións do Orgullos, día en que millón de persoas festexan a liberdade de ser elas mesmas e participando activa e positivamente na promoción de política e actuacións que contribúan a erradicar a desigualdade e a discriminación por razón de sexo no ámbito local, así como a promoción e a erradicación de obstáculos para a participación plena de toda a cidadanía en calquera dos ámbitos da vida local.
Lugo quere ser unha cidade acolledora para todas as persoas, destacando o seu apoio ás entidades que traballan a favor dos dereitos das persoas lesbianas, gais, trans, bisexuais, intersexuales, queer e asexuais, desde unha actitude de tolerancia, non discriminación e apoio, sendo Lugo un espazo de diversidade e de liberdade.