Lugo celebra o 23º Día do Veciño con máis de 5.000 participantes

LugoXa
A Federación Lucus Augusti reuniu a milleiros de persoas no Pazo de Feiras e Congresos nun encontro que contou coa presenza de diversas autoridades locais e provinciais
Día-do-Veciño-2025
19 Oct 2025

A Federación de Asociacións de Veciños Lucus Augusti reuniu a máis de cinco mil persoas na 23ª edición do Día do Veciño, unha cita xa consolidada no calendario lucense e que volveu converterse nun punto de encontro entre cidadanía, movemento asociativo e representantes institucionais.

Ao evento, celebrado no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo baixo o lema “Deixar de loitar é deixar de soñar”, acudiron veciños e veciñas de toda a provincia, ademais de alcaldes, cargos municipais e provinciais e o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, que compartiu coas persoas asistentes unha xornada de convivencia e celebración.

Durante o acto, Besteiro felicitou á Federación polo éxito da convocatoria e destacou a importancia de encontros como este para poñer en valor o labor das asociacións veciñais, que “contribúen á mellora dos barrios, á defensa dos servizos e á construción do benestar común”.

A subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, tamén participou no evento e foi distinguida co premio “V de Veciña”. Durante a súa intervención, agradeceu o recoñecemento e expresou a súa emoción por recibir un galardón “de parte do gran movemento veciñal que conformades”. López salientou que “Lugo ten algo moi especial: unha forza veciñal e asociativa que é auténtico motor de cohesión territorial e social”, e definiu os colectivos veciñais como “exemplo de como se constrúe comunidade e se defende o ben común”.

A representante do Goberno destacou o compromiso do Executivo central co progreso da provincia, asegurando que “Lugo merece as mellores infraestruturas, servizos públicos de calidade e o recoñecemento do lugar que lle corresponde”. Agradeceu novamente o premio, que “gardarei con moito agarimo”, e reafirmou o seu compromiso de seguir traballando “para que cada lucense, viva onde viva, sinta que forma parte dun proxecto común de progreso e igualdade”.

Pola súa parte, a deputada Pilar García Porto destacou a importancia do asociacionismo e a participación cidadá, e fixo referencia a que “o movemento veciñal nin se compra nin se vende. É froito da xenerosidade e do traballo desinteresado de milleiros de persoas que cren na forza do colectivo. O Día do Veciño é convivencia, participación e igualdade. É un espazo onde todas as persoas, sen importar idade ou procedencia, poden colaborar para mellorar o lugar onde vivimos”, aseverou a deputada, quen subliñou ademais que a Deputación de Lugo seguirá traballando “ao lado das persoas e das entidades asociativas, apoiando iniciativas que fomenten a participación cidadá, a solidariedade e a cohesión social”. Rematou agradecendo aos veciños e veciñas da provincia o labor desde os distintos colectivos veciñais porque sinalou, “grazas ao voso compromiso Lugo é unha provincia máis humana, máis activa e máis unida”.

AS "V DE VECIÑO"

No marco da celebración do Día do Veciño 2025, a Federación de Asociacións de Veciños fixo entrega das 22 V de Veciño, uns recoñecementos que distinguen a persoas e entidades que, ao longo do ano, destacaron polo seu traballo a favor da dinamización social, cultural e económica das súas comarcas, contribuíndo así ao desenvolvemento da provincia de Lugo.

Entre os premiados desta edición figuran representantes de diferentes ámbitos profesionais e sociais, desde o tecido empresarial e institucional ata o asociativo e comunitario. Os galardoados foron Roberto García González, secretario xeral de Unións Agrarias; Jaime Luis López Vázquez, secretario xeral da Confederación de Empresarios e presidente da Cámara de Comercio de Lugo; o urólogo Francisco Javier Neira Pampín; Fernando Timiraos Carrasco, traballador municipal do Servizo de Deportes; e Lorenzo Armenteros del Olmo, facultativo especialista en Medicina Familiar e Comunitaria.

Tamén foron distinguidos María Luisa López Díaz, secretaria da Asociación de Veciños de San Lázaro; Gonzalo Rodríguez Ferreiro, presidente da Asociación de Veciños Xente de Xustás, en Cospeito; e Alicia Carballedo, directora de Radio Lugo Cadena SER. Xunto a eles recibiron o recoñecemento José Ramón Latas Veiga, da plataforma Lugo Non Quere Cheiros; a Vocalía da Muller da Federación de Asociacións Veciñais da zona urbana de Xixón; e a Asociación de Veciños de Bacoy, en Alfoz.

A lista complétase con Elena Espinosa Mangana, deputada do Parlamento de Galicia; José Rodríguez Rodríguez, coñecido como José do Fondal, veciño de Galegos; Antonio González Chaín, coordinador xefe de Prevención de Riscos Laborais da Deputación Provincial de Lugo; José Espín Mejía, exalcalde das Nogais; e María Martínez Guntín, delegada de La Voz de Galicia en Lugo.

Tamén recibiron unha das 22 V de Veciño Olimpia López Rodríguez, subdelegada do Goberno na provincia de Lugo; o Grupo de Axuda a Carmen (GAC); Alejandro Jesús Calvo Rodríguez, conselleiro de Mobilidade, Medio Ambiente e Xestión de Emerxencias do Principado de Asturias; a Asociación Veciñal Santa Eufemia de Lemos, de Monforte de Lemos; o colectivo de Bombeiros Forestais; e o enxeñeiro César Murias Pérez.

A entrega destas distincións volveu poñer de manifesto o papel fundamental do movemento veciñal e da sociedade civil na construción dunha provincia máis participativa, solidaria e comprometida co seu territorio.

⚙ Configurar cookies
0.082755088806152