Lugo celebra o acto de distinción como fillos adoptivos de Xesús Alonso Montero e Rafael de Vega

O Concello de Lugo celebrará este sábado, ás 12.00 horas, en O Vello Cárcere, o acto de entrega das distincións de Fillos Adoptivos da cidade ao profesor e académico Xesús Alonso Montero e ao médico Rafael de Vega, tras o acordo do Pleno municipal do 27 de febreiro.
A cerimonia, de carácter sobrio e solemne, contará coa presenza da Corporación municipal, representantes da Xunta de Galicia, da Deputación de Lugo, da Subdelegación do Goberno, corpos de seguridade, ex rexedores e representantes parlamentarios lucenses, así como familiares dos homenaxeados.
Xesús Alonso Montero, nado en Vigo en 1928, recibirá a placa conmemorativa acompañado da súa familia tras a lectura da súa semblanza a cargo do poeta e profesor lucense Claudio Rodríguez Fer. Alonso Montero chegou a Lugo en 1960 para impartir docencia no IES Lucus Augusti e na Escola de Maxisterio, formando xeracións de estudantes que renovaron a vida cultural da cidade e deixando unha fonda pegada na defensa da lingua e a cultura galega. Foi presidente da Real Academia Galega entre 2013 e 2017 e autor dunha obra ensaística esencial sobre o idioma e a literatura galega contemporánea.
Pola súa banda, Rafael de Vega, médico cirurxián de orixe burgalesa, asentouse en Lugo en 1916 como director do Hospital Provincial e foi precursor da sanidade moderna, defensor do dereito universal á atención médica e promotor da construción do Hospital de Santa María. Foi tamén deputado nas Cortes republicanas e presidente do Comité Republicano de Lugo, proclamando a chegada da República en 1931. En outubro de 1936 foi fusilado polos sublevados, converténdose nun símbolo da defensa da liberdade e a xustiza social. A súa familia estará presente na cerimonia, recollendo a distinción a través dos netos.
O alcalde, Miguel Fernández, subliñou que “o compromiso coa educación e coa sanidade públicas que representan Alonso Montero e De Vega son un orgullo para Lugo e un exemplo para as novas xeracións. Esta distinción é tamén unha homenaxe aos valores que ambos encarnaron: a defensa do coñecemento, da liberdade e da dignidade humana”.
O acto inclúe intervencións institucionais, familiares e unha actuación musical da cantante lucense Iria Estévez, nunha cerimonia deseñada para recoñecer con emoción e respecto o legado destes dous lucenses de corazón.