Lugo celebra o día dos museos con dúas actividades culturais nas salas museísticas

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, anunciou as actividades que organiza a Tenencia de Alcaldía do Concello de Lugo polo Día dos Museos, que se celebra o 18 de maio. Ferreiro afirmou que "celebramos unha xornada importante nas salas museísticas municipais abríndoas á veciñanza e achegando a Lugo a dous grupos novos pero de gran calidade procedentes de Galicia".
Ferreiro animou á veciñanza a participar nas actividades, que serán gratuítas e terán lugar no exterior dos museos. A concelleira de Cultura afirmou que "as distintas salas museísticas permítennos coñecer a historia de Lugo, desde a época romana ata os nosos días, e son un gran atractivo tanto para as veciñas e veciños de Lugo como para os miles de turistas que ano tras ano visitan estas instalacións".
A banda pontevedresa Raposa tocará no Centro Arquelóxico de San Roque na xornada de mañá, ás 12:45, mentres que pola tarde será a quenda de Olalla Caamaño, que dará o seu concerto na Sala de Exposicións Porta Miñá a partir das 18:30. Todas as actividades serán de acceso libre ata completar a cabida do recinto.
O Día internacional dos Museos celébrase anualmente desde o 1977, e ten como obxectivo concienciar sobre a utilidade dos museos como un importante medio para o intercambio cultural, o enriquecemento das culturas, así como para o desenvolvemento da comprensión mutua, da colaboración e da paz entre os pobos.