Lugo celebra o Día Internacional das Matemáticas con actividades nas rúas

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, anunciou que o Concello de Lugo se une á iniciativa da Federación Galega de Sociedades de Profesorado de Matemáticas e levará a ensinanza desta materia ás rúas o próximo domingo, 16 de marzo, coincidindo co Día Internacional das Matemáticas.
Ferreiro destacou que a actividade, organizada por profesionais da educación, ten como obxectivo "sacar as matemáticas fóra do contexto académico e achegalas á rúa, facendo que sexan atractivas e accesibles para todo o público". Esta proposta, que terá lugar na praza Maior a partir das 11h (e no Vello Cárcere en caso de choiva), busca crear un ambiente lúdico e festivo, rompendo cos mitos que rodean esta materia e facendo que as persoas participantes, de todas as idades e niveis de formación, poidan disfrutar dun achegamento diferente ás matemáticas.
A actividade "Matemáticas na Rúa" incluirá un enfoque participativo e activo, promovendo a manipulación de materiais e xogos que permitan aos asistentes vivir unha experiencia estimulante e amena. Entre os materiais que se utilizarán destacan crebacabezas, superficies mínimas, cadrados máxicos, bingos matemáticos, xogos de mesa e diversos tipos de quebracabezas, sendo esta categoría a que máis diversidade de materiais presenta. A interacción cos diferentes xogos e desafíos permitirá aos asistentes experimentar as matemáticas dunha forma dinámica e divertida.
O Día das Matemáticas, que se celebra anualmente o 14 de marzo (3-14 no formato anglosaxón), foi elixido por coincidir cos primeiros díxitos do número pi, unha das constantes máis relevantes na disciplina. Con esta actividade, Lugo quere sumarse á celebración mundial, facendo das matemáticas unha materia accesible e entretida para todos.